POR PARTE DA ASOCIACIÓN DE ACTORES E ACTRICES

Críticas pola escasa produción do CDG para 2017

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vén de publicar un comunicado no que amosa a súa inquedanza e decepción diante programación para 2017 que vén de presentar o CDG.

CDG
photo_camera Imaxe da presentación da nova temporada do CDG

Esta asociación lamenta que o Centro Dramático Galego só monte dúas das tres obras que conforman 'Martes de Carnaval', desbotando así a terceira pata desta triloxía de Valle, 'Los cuernos de don Friolera', por “cuestións orzamentarias que non responden a criterios artísticos, empregando unha vez máis as circunstancias económicas como escusa para limitar a actividade do CDG, cando sempre dende os Gobernos central e autonómico se aplaude e se celebra unha recuperación económica que resulta invisible”.  

A AAAG tamén se queixa de que toda a produción do CDG para o ano 2017 quede reducida a unha  obra “que, por moito que sexa un espectáculo dobre, non deixa de ser unha única montaxe cunha única estrea e cunha única xira por Galiza”. 

A AAAG lamenta que o CDG só monte dúas das tres obras que conforman 'Martes de Carnaval', desbotando así a terceira pata desta triloxía de Valle, por “cuestións orzamentarias"

E, por último, tamén lamentan que o elenco deste Martes de Carnaval estea conformado unicamente por dez intérpretes, “sendo un volume de contratación totalmente inaceptable por parte dun CDG que ha de recuperar o seu papel de teatro nacional para o noso país”.

Segundo o comunicado, non é aceptable que a entidade de teatro público reduza a súa actividade ao longo das temporadas a unha única produción, algo que vén acontecendo nos últimos exercicios e que parece que se volvería repetir no 2017, a non ser que entre os meses de novembro e decembro realicen unha nova produción, algo que consideramos xa como un mínimo imprescindible e urxente”. 

Tamén subliñan a necesidade de que as producións que leve a cabo o CDG incrementen o tamaño dos seus elencos. “Un verdadeiro teatro nacional non debe conformarse con realizar montaxes cun máximo de dez intérpretes, reducindo as súas obras a medianos formatos, actividade que asumen xa -malia as dificultades- compañías privadas”, afirman.