A cuarta feira estréase na Coruña

A crítica Rosario Sarmiento presenta un documentario sobre muller e arte

A historia da arte contemporánea en Galiza non se comprende sen o papel das artistas. A dez delas, ao seu traballo, ás súas biografías aos seus testemuños dedica a crítica Rosario Sarmiento o documentario Arte+Muller+Galicia. Estréase esta cuarta feira, ás oito do serán, no Teatro Colón da Coruña.
 

Foto 1_rolda prensa presentación ArteMullerGalicia
photo_camera A crítica e directora de 'Arte+Muller+Galicia' Rosario Sarmiento (á dereita), a vicepresidenta da Deputación da Coruña Goretti Sanmartín (no centro) e a deputada de Igualdade, Ánxela Franco. Foto: Deputación da Coruña

O filme, que obtivo o recoñecemento do I Concurso de Ideas Luísa Villalta de Iniciativas Culturais pola Igualdade convocado pola Deputación da Coruña e que xa foi emitido na segunda canle da TVG, “achégase ao traballo daquelas artistas cuxa obra resulta fundamental para entender o desenvolvemento da historia da arte contemporánea en Galiza”. “Arte+Muller+Galicia debuxa un amplo e plural escenario de reflexión sobre as circunstancias que rodearon a súa carreira como creadora”, indican desde o ente provincial.

Fina Mantiñán, Rosalía Pazo, Elena Colmero, Berta Cáccamo, Soledad Penalta, Mónica Alonso, María Xosé Díaz, Almudena Fernández Fariña, Menchu Lamas e Tatiana Medal son as protagonistas da peza. “Recoller as súas opinións, como mulleres e como artistas, supón unha chamada de atención sobre os factores que marcan a desigualdade”, considera a directora Rosario Sarmiento, “a falta de seguridade en si mesmas, as dificultades para conciliar vida persoal e profesional e a eterna neesidade de demostrar as propias capacidades profesionais”.

Arte+Muller+Galicia estrutúrase en dúas partes. Na primeira, traza un percorrido histórico poals artistas galegas. Detense en 1990, na creación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e, polo tanto, “naquelas creadoras que realizan por primeira vez estudos superiores en Galiza”. A maiores, o documentario reflexiona sobre a ausencia de mulleres nas xeracións artísticas anteriores á Guerra Civil ou na posguerra, amais do impacto da restauración da democracia e a autonomía a finais dos 70.

Na segunda parte do filme falan as artistas. E fano nos seus obradoiros. “Relatan as circunstancias que rodearon o seu traballo, a súa proxección profesional, e cal é a súa opinión sobre o que significa ser muller artista en Galicia”, expoñen desde a Deputación da Coruña nun comunicado.

Arte+Muller+Galicia preséntase esta cuarta feira ás oito do serán no Teatro Colón da Coruña. As entradas, de balde, pódense recoller na billeteira ou en www.ataquilla.com. Despois da proxección, haberá un coloquio coa cineasta, crítica e historiadora da arte e varias das artistas participantes. Despois do pase coruñés, o documental chegará ao Ateneo de Ferrol -o 20 de abril, ao Museo Provincial de Lugo -o 23 de abril-; ao Museo de Pontevedra -o 25 de abril- e ao Centro Galego das Artes Contemporáneas de Compostela -o 3 de maio.

Comentarios