15 de agosto en Lugo

A crítica feminista celebra a literatura de Marica Campo

Marica Campo (Val do Mao, O Incio, 1948) practica unha literatura de forte pegada lírica. Procurou rescatar figuras femininas das mans do patriarcado. Nunca cedeu ás modas hexemónicas. Escribiu en todos os xéneros e en todas as formas, mesmo en sextinas. A plataforma de crítica feminista A Sega escolleuna para lle dedicar o quinto Día das Galegas nas Letras.
 

Marica Campo
photo_camera A escritora Marica Campo. Foto: cedida.

A xornada de celebración será esta cuarta feira, 15 de agosto, no Parque da Milagrosa en Lugo. A partir das 12.00 da mañá, unha “ruta imaxinaria” percorrerá a obra de Campo. Entre o seu Tras as portas do rostro (1992) -serodio debut poético en verso libre- e Onde houbo lume (2010), a autora vén tecendo un corpo literario singular que a poeta Lara Rozados definiu con tres adxectivos: “Prolífico, maduro e diverso”.

O xantar compartido, previa lectura do manifesto Os ollos das patacas co que se homenaxea a escritora do Incio, dará paso ao groso da celebración. Entre as catro da tarde e as nove da noite haberá contos a cargo de Vero Ríos; música de Raiceira, Xaora, Paloma Suanzes e Mercedes Peón; lectura de fragmentos da obra de Campo por Ana Torres, Tereixa Campo e Belén López; o obradoiro Traer a lenda ao presente, da man de Andrea Barreira; e a lectura dramatizada de O Premexente non pode cos paxaros rebezos, coordinada por Lorena Conde.

Antes de Marica Campo, A Sega distinguiu como Señora das Letras as escritoras Pati Janeiro, María Xosé Queizán e María Victoria Moreno, e a musicóloga suíza Dorothé Schubarth.

Comentarios