Crítica de cinema: Lúa Vermella

O filme de Lois Patiño proxéctase hoxe na inauguraciòn do festival Novos Cinemas de Pontevedra.
Lúa Vermella
photo_camera Lúa Vermella

Os títulos de crédito iniciais, descorrendo sobre mapas e cartografía medieval de monstros mariños, vén sendo toda unha declaración de que o filme de Lois Patiño (Vigo, 1983) vai estar aderezado de mitos, lendas e supersticións.

As ondas do mar, un barco varado, un cabalo solto, un lamento. A desaparición do Rubio nun naufraxio afectou profundamente ás xentes da vila. Todas están petrificadas, quietas, cheas de pesar. Un feitizo semella mantelas a todas inmóbeis. Os seus pensamentos van descubrindo un misterio relacionado coa desaparición dun mariñeiro na mar. O Rubio chamábase. Tres bruxas chegan para desenfeitizar ás xentes da vila.

Un dos puntos máis potentes radica nas impresionantes localizacións, principalmente en Camariñas e Lemos, recunchos de improbábel beleza que se converten de súpeto en pouco menos que en obras de artes en estático movemento. E a mellor, e a máis agardada, resérvaa case para o final: a lúa. Unha lúa en todo o seu esplendor captada no Observatorio Astronómico de Cotobade deixándose guiar polos coñecementos na materia de Igor Piñeiro e Loli Lusquiños, da Asociación Sirio de Pontevedra.

Malia prescindir de narrativa convencional, Lúa vermella contén todos os ingredientes dun filme de intriga de corte sobrenatural e fantástico. Bruxas, meigas, pantasmas, monstros mariños, morte... Iso si, manténdose fóra dos clixés que temos no imaxinario colectivo e con sinxelos, pero efectivos, efectos visuais. Diferentes voces en off, gravados de Urbano Lugrís (entre outros) e textos sobreimpresos, a modo de cinema mudo, van pautando as diferentes partes da trama; desde a presentación do misterio, pasando polas investigacións/conxuros das tres bruxas e esa xenial desenlace na que todo se tingue de vermello.

Que ninguén se asuste porque se vai perder en metáforas complicadas ou aburrirse con planos eternos, porque nin unha cousa nin a outra... O filme atrapa de principio a fin e a espectacular fotografía (tanto diúrna como nocturna), tamén de Lois Patiño, está repleta de contido. A través da súa particular poética narrativa, sustentada na realización, a imaxe e o son, Lúa vermella conecta cos padais máis exixentes pero tamén consegue que os máis convencionais poidan gozar dun filme “diferente” ao alcance de todo o mundo.

Comentarios