Cinema

Crítica de 'Devolvendo o golpe'

"Entre testemuño e testemuño a plano fixo, o documental aposta por unha constante realización cinemática mestura de códigos narrativos cinematográficos, cambios de planos, 'flash backs', recreacións ficcionadas ou vídeos caseiros".
Fotograma de 'Devolvendo o golpe'.
photo_camera Fotograma de 'Devolvendo o golpe'.

DEVOLVENDO O GOLPE (Galiza 2021, 68 min.)

Dirección e guión: Carlos Prado Pampín

CRÍTICA

Hai historias que merecen ser contadas. A de Aarón “Thunder” González é unha delas. De estar en cadeira de rodas gran parte da súa infancia a campión de boxeo na categoría de peso welter. Mais os combates de Devolvendo o golpe non se desenrolan dentro do cuadrilátero, que tamén, senón fóra.

Despois de ser atropelado, Aarón esperta no hospital con múltiples roturas nas pernas. A súa nai, Rosa, debe loitar para que os médicos non llas amputen. Cando Aarón volve a casa, o seu irmán pequeno ten que facer as roles de irmán maior para coidalo. E cando pode volver ao colexio, sufre acoso escolar por ir en cadeira de rodas. Logo intenta recuperar o seu soño de ser futbolista (do Depor, concretamente). Con moito esforzo e afouteza consegue ir recuperando forza e musculatura nas pernas pero é o boxeo a súa táboa de salvación. Grazas este deporte, Aarón consegue recuperarse tanto física como mentalmente chegando a ser penta-campión galego e tri-campión estatal.

Unha historia de superación tan incríbel que ben podería ser un deses filmes lacrimóxenos con grandes interpretacións e numerosas estrelas de Hollywood, pero non... Foi Carlos Prado Pampín (Marín, 1982) quen se adiantou con este documental, segundo na súa carreira após Homes de xeo: galegos na Antártida (2017), dando voz tanto ao propio Aarón como ao seu entorno, sobre todo, a súa nai Rosa, un piar fundamental na vida do boxeador marinense.

Entre testemuño e testemuño a plano fixo, o documental aposta por unha constante realización cinemática mestura de códigos narrativos cinematográficos, cambios de planos, flash backs, recreacións ficcionadas ou vídeos caseiros. Moita atención ao brillante deseño de son de Christian Fernández, os planos aéreos a vista de dron ou o adestramento en plan training montage.

Pero quizais o mellor, xunto coa propia historia e a desenlace final, son eses instantes de pura maxia e autenticidade que Carlos Prado Pampín logra captar nas conversas e no seguimento dos protagonistas, en especial con Rosa Diz, unha gran muller e todo un exemplo de loita que daría tamén para un documental centrado nela.

Devolvendo o golpe é unha abraiante historia arredor do boxeo, dunha nai e dun neno inválido que conseguiu ser un campión, en sentido literal, cando se fixo maior. Non o logrou por ter as cousas doadas na vida, senón precisamente por todo o contrario porque, como di Rosa: “cando a vida te golpea, ou te afundes... ou tiras para arriba”. Aarón tirou para arriba. A súa historia merecía ser contada.

Comentarios