Crítica de cinema: 'O refén', por Andrés Castro

Ano 1972. Mason Skyles é un diplomático estadounidense destinado en Beirut. Tras un terríbel incidente na embaixada marcha a Boston para dedicarse á empresa privada. Dez anos despois a CIA chámao para que retorne ao Líbano e faga de negociador.

o refen

Máis de dúas décadas tivo que agardar, no “caixón dos esquecidos”, o guión que escribira Tony Gilroy alá por 1992. Seica os anos noventa resultaba incómodo producir unha historia que falaba sen tapuzos do colonialismo dos EUA, mostraba unha OLP (Organización para a Liberación Parestina) corrupta e apuntalaba a idea dunha Israel belixerante e hostil que procuraba calquera escusa para invadir o Líbano.

Mason Skyles é un diplomático estadounidense destinado en Beirut. Co gallo da visita dun congresista, organiza unha festa na embaixada á que asisten diversas autoridades do Líbano. A CIA preséntase de súpeto para levarse a Karim, un rapaz acollido baixo o paraugas do matrimonio Skyles que resulta ser o irmán de Abu Rajal, un perigoso terrorista relacionado cos atentados das Olimpíadas de Munich’72. A sombra do Mossad (servizo secreto israelí) é demasiado alongada así que Mason negocia para que non leven ao rapaz. A cousa acaba mal así que marcha a Boston para intentar esquecerse de todo. Dez anos despois a CIA volve chamar a súa porta para unha operación de alto segredo.

Un trepidante thriller de espionaxe, ao máis puro estilo John Le Carré, dirixido por Brad Anderson (O maquinista, Transsiberian) e interpretado, no rol protagonista, por un Jon Hamm (Mad Men) en estado de gracia que se calza a pel dun negociador atormentado, pragmático e incapaz de perder ao póker. Está secundado pola sempre solvente Rosamund Pike (Gone Girl) facendo de cicerone/enlace do protagonista, nun deses papeis moi próximo ao de “chica bond” pero aquí bastante desaproveitado se nos atemos ás aptitudes da actriz. Mágoa.

A trama mestura intriga política con brotes de acción a fin de manternos en vilo toda a metraxe. Entremedias vai dando cera a todo o mundo… a todo salvo ao protagonista que semella ser o único que permanece impoluto e inalterábel. Lóxico: é o heroe. O resto si, todos teñen algo turbio que agochar. Os norteamericanos manexando o cotarro como mafiosos, a OLP máis corrupta que os casos illados do Partido Popular, a milicia Amal enfrontada coa milicia cristiá, estes á lea cos drusos. Por se fora pouco, tamén pululaba por alí o exército sirio e, como dicíamos antes, o exército israelí andaba ao axexo para ver se podía sacar tallada… E claro, todos pelexados entre si.

Tras desenrolar con moito tino toda esta complexidade política, resulta moi estraño e, porqué non dicilo, tamén decepcionante, presenciar unha desenlace tan condescendente e tipicamente americana (si, coa bandeirola ondeando ao vento). Cheira a imposición da produtora máis que nada porque, acto seguido “arranxan”, dalgunha maneira, cun epílogo que retoma o nivel ao que se viña mantendo todo o filme. Con todo, é un versátil thriller político moi recomendábel para amantes das historias de espías á vella usanza.

O refén

Beirut

(EUA 2018, 109 min.)

Dirección: Brad Anderson

Guión: Tony Gilroy

Fotografía: Björn Charpentier

Música: John Debney

Elenco: Jon Hamm, Rosamund Pike, Idir Chender, Mark Pellegrino, Leïla Bekhti, Kate Fleetwood, Shea Whigham, Dean Norris, Hichame Ouraqa

Comentarios