Crítica de cinema: "Populaire", comedia romántica á francesa

Na primavera de 1958, Rose Pamphyle vive co seu pai viúvo que dirixe a tenda do pobo. Está destinada a casar co fillo do mecánico pero négase a aceptar ese destino e viaxa á baixa Normandía para unha entrevista de emprego coma secretaria nunha empresa de seguros dirixida por Louis Echard. Malia a desastrosa entrevista Rose posúe un don especial coa máquina de escribir e Louis decide contratala a cambio dunha proposta que non poderá rexeitar.

Fotograma de Populaire
photo_camera Fotograma de Populaire

Ano: 2012
Duración: 111 min.
País: Francia
Director: Régis Roinsard
Guión: Régis Roinsard, Daniel Presley, Romain Compingt
Música: Rob D’Orlando, Emmanuel D’Orlando
Fotografía: Guillaume Schiffman
Reparto: Romain Duris, Déborah François, Bérénice Bejo, Shaun Benson, Féodor Atkine, Miou-Miou

SINOPSE


Na primavera de 1958, Rose Pamphyle vive co seu pai viúvo que dirixe a tenda do pobo. Está destinada a casar co fillo do mecánico pero négase a aceptar ese destino e viaxa á baixa Normandía para unha entrevista de emprego coma secretaria nunha empresa de seguros dirixida por Louis Echard. Malia a desastrosa entrevista Rose posúe un don especial coa máquina de escribir e Louis decide contratala a cambio dunha proposta que non poderá rexeitar.

CRÍTICA

Interesante opera prima de Régis Roinsard. Os títulos de crédito son toda unha homenaxe a Saul Bass e unha moi boa apertura que nos invita a pensar noutra época. A película desenvólvese a finais dos anos 50. O vestiario, a ambientación e a pose das personaxes está moi lograda, así coma a música que os acompaña. De feito, parece que estamos a ver unha película desa época. A protagonista é unha mestura entre Audrey Hepburn e Grace Kelly. Trátase de Déborah François, actriz belga vista en “L’enfant” (2005) dos irmáns Dardenne, que foi Palma de Ouro en Cannes. Moi versátil no rol de moza decidida, aínda que algo torpe, que marcha do pobo fuxindo da monotonía. No outro papel protagonista atópase Romain Duris, que xa estivera brillante no “Extranxeiro tolo” (1998) de Tony Gatlif e que aquí métese na pel dun xefe un tanto enchido de si mesmo cunha obsesión un algo peculiar: ser o máis rápido escribindo a máquina. E para obtelo ponse na pel dunha especie de pigmalión que debe ensinar á moza, que posúe un don especial para escribir pero que lle falta moito por pulir para acadar a perfección. Ambos están bastante ben e teñen boa química. A destacar tamén a fotografía de Guillaume Schiffman, que xa participou en “The Artist” (2011, Michel Hazanavicious). Nesta película o fotógrafo logra captar o ton da época apostando por colores saturados, mate e pastel. O director fai unha elegante homenaxe a Hitchcock, cousa que  está moi de moda últimamente, cun calco case exacto dunha escena moi coñecida de “Vertixe” e o fai nunha das escenas claves do filme, problemente para darlle máis énfase. A película realmente non ten unha trama moi alá: trata da loita por ser o máis rápido escribindo a máquina. Para iso hai competicións locais, provinciais e ata mundiais. É unha especie de “Rocky” só que os púxiles levan moño e teñen que sentarse coa espalda recta. Realmente se xuntamos a película de boxeo de Stallone cunha versión amable e branca de “Secretary” (2002, Steven Shainberg) xa obtemos “Populaire”. O soniquete das teclas das máquinas de escribir antigas inundan a película pero tamén hai tempo para o romance. Está bastante logrado o contraste entre a loita por ser cada vez o máis veloz mentres a vai xurdindo o amor a lume lento. Unha reflexión de que cada cousa leva o seu tempo e que tampouco fai falla ser o mellor para ser o máis feliz. Está ben feita pero non profundiza demasiado en nada e tampouco acaba de acertar de todo ao tratar de dicir algo da sociedade actual a través do retrato machista da sociedade doutra época anterior. Porén non estamos ante unha mala película. O certo e que se deixa ver con moito agrado e deixa unha agradable sensación ao remate. Unha bonita e lixeira comedia romántica á francesa.

Comentarios