Crítica de cinema: The Lunchbox

The Lunchbox ou Dabba é a proposta que nos achega para esta fin de semana o noso crítico de cinema, Andrés Castro. Un filme para cabilar sobre unha pequena caixa de comida através da cal o director afonda na realidade social e laboral da India.

cartaz
photo_camera cartaz


Título: Dabba
Ano: 2013
Duración: 104 min.
Coprodución: India, Francia e Alemaña
Director: Ritesh Batra
Guión: Ritesh Batra
Fotografía: Michael Simmonds
Música: Max Richter
Reparto: Irrfan Khan, Nimrat Kaur, Nawazuddin Siddique, Denzil Smith, Lillete Dubey, Nakul Vaid

SINOPSE
O Dabbawalas, servizo de comida a domicilio de Bombai subministra cada día centos de caixas de comida a diferentes traballadores da cidade, xa sexa por encargo a restaurantes da zona ou de amas de casa que lle fan a comida aos seus maridos. Pero un día equivócanse e a comida preparada con mimo por Ila (Nimrat Kaur) para o seu marido vai parar a Fernandes (Irrfan Khan), un contable viúvo que queda impresionado polo delicioso da agradable confusión. Comezan entón a intercambiar notas en cada pedido, estreitando lazos e confidencias das súas respectivas vidas.

CRÍTICA
Non é habitual ver cinema hindú nas salas do noso país. Chegan poucas ou ningunha. Pero é de agradecer que haxa distribuidoras, coma Vértigo Films, que si apostan por cinema diferente ao de sempre. Iso si, soe pasar que acaban proxectándose en contadas salas ou só en cinemas que arriscan con películas que están fóra do circuíto convencional. Un oasis no medio do deserto.

“The Lunchbox” é un claro exemplo de que os distribuidores deberían abrirse máis á chegada de todo tipo de cinema. Unha película que nos traslada á India, un país con sentimentos profundamente modernos que trata de convivir coas tradicións máis arraigadas. As reflexivas personaxes que se nos presentan albergan esa dicotomía entre o pasado e o que queren facer co seu futuro. A historia transcorre na capital hindú entorno a un sistema de entrega de comidas chamado dabbawalas que leva funcionando durante décadas sen fallo algún nunha cidade cuns 20 millóns de habitantes. Un sistema que, a pesar de seren rudimentario, é tan lendario que a propia Universidade de Harward acudiu a investigalo in situ e chegou a conclusión de que non podía ter fallo.

Pero o que nunca pode pasar, as veces pasa. E pásalle a Ila, unha entregada ama de casa que lle prepara en pequenas caixas deliciosas comidas ao seu abnegado marido, que apenas para na casa, para que os mensaxeiros lla leven á oficina onde traballa. Pero seu envío cae nas mans de Fernandes, un viúvo oficinista que queda encantado pola deliciosa confusión xa que a comida é a mellor que probou na vida. O enredo está servido e xa vos podedes imaxinar que a cousa vai ir a máis. As inofensivas notas que se intercambian inicialmente acaba sendo unha agardada correspondencia de dous confidentes que precisan expresar os seus sentimentos.

O que podería ser unha película melindrosa é máis un análise a conciencia sobre a necesidade humana de comunicarse; sobre a soidade nunha sociedade na que falla de comunicación e cada un vai ao seu. No fondo non tan lonxe do que acontece por estes lares. Tamén hai cabida para tocar o tema da pobreza, as terribles condicións de traballo, a lei de dependencia e a amizade. Na India hai quen sobrevive apenas cun plátano ao día (cousa que contrasta coa opulencia das caixas de comida), as xornadas de traballo son de sol a sol con apenas tempo libre para estar coa familia ou ter tempo de lecer (preto do escravismo e que crea numerosos problemas conxugais) e tampouco hai axudas para a dependencia e as mulleres acaban converténdose en escravas dos seus maridos encamados e inútiles (moi significativa a escena na que morre o pai de Ila e a nai se confesa).

A Federación de Cinema da India non elixiu este filme para representar o seu país na pasada edición dos Óscar, xa que a consideraba pouco apta e demasiado controvertida

Con esas premisas non é de estrañar que a Federación de Cinema da India non elixira este filme para representar ao seu país na pasada edición dos Óscar, xa que a consideraba pouco apta e demasiado controvertida. Non gustou que amosara esa parte incómoda do seu país ao mundo, temas que Bollywood non soe tocar. Reacción algo exaxerada desde o punto de vista occidental xa que trata estes temas case coma meros apuntes, pero claro, a comunidade hindú é moito máis sensible neste aspecto. Porén non todo é crítica social e tamén hai tempo para a amizade nunha divertida historia secundaria entre o protagonista e un entrañable bolseiro que quere aprender o oficio de contable.

O protagonista é estrela internacional, e toda unha celebridade no seu país, Irrfan Khan (“A vida de Pi”, “Slumdog Millonaire”) que tamén coproduce xunto co guionista e director bosnio Danis Tanovic (“L’enfer”, “A muller do chatarreiro”), a priori toda unha garantía. Supón o debut no largo de Ritesh Batra tras desafogarse no campo das curtametraxes. Un excelente debut para un director a ter moi en conta desde agora e que auguro, nun futuro próximo, será fichado por outras filmografías ávidas de novos puntos de vista (léase Hollywood).

Aporta unha visión que logra transmitir emocións. Configura as personaxes a través da a relación cos diversos lugares comúns da vida diaria (a oficina, o tren, a cociña…) que, xunto cun xogo de cores premeditado, vai creando un calidoscopio polo que o espectador vai descubrindo ás respectivas personalidades dos protagonistas. Película para cinéfilos gourmets que é mellor non ver co estómago baleiro. Unha delicia para quen queira gozar cunha historia sobre as segundas oportunidades: “ás veces o tren equivocado lévanos á estación desexada”. Como a vida mesma vamos…

Comentarios