Crítica de cinema: Parasitos, por Andrés Castro

Unha familia pobre entra a traballar na casa dunha familia rica. Pese a pertencer a dous mundos distintos os desexos en anhelos de ambas familias son moi parecidos, iniciándose unha escalada de situacións cada vez máis extravagantes.

parasitos2
photo_camera Fotograma do filme.

Gisaengchung

(Corea do Sur 2019, 132 min.)

Dirección: Bong Joon-ho

Guión: Jin Won Han, Bong Joon-ho

Fotografía: Hong Kyung-pyo

Música: Jaeil Jung

Elenco: Song Kang-ho, Lee Sun-kyun, Jang Hye-jin, Jo Yeo-jeong, Choi Woo-sik, Park So-dam, Park Seo-joon, Jung Ji-so, Lee Jeong-eun

Palma de Ouro en Cannes por unanimidade dun xurado presidido por Alejandro González Iñárritu e composto por xente como Kelly Reichardt, Yorgos Lanthimos, Alice Rohrwacher ou Pawel Pawlikoski. Un ecléctico grupo de cineastas do que se presupón un criterio impecábel. Excelente carta de presentación para a última achega do surcoreano Bong Joon-ho, coñecido por filmes coma Memories of Murder (Concha de Prata a Mellor Director no Festival de San Sebastián), The Host (Mellores Efectos Especiais en Sitges) ou, máis recentemente, Okja, “orixinal de Netflix” que conseguiu ter a estrea internacional tamén en Cannes fai dous anos. 

Independentemente do xénero (pois tocou desde o thriller ata as pelis de monstros ou de ciencia ficción distópica) a maioría dos seus filmes están impregnados dunha potente carga social e política, normalmente destacando a diferenza de clases. En Parasitos a loita de clases é xusto a base principal do argumento, iso si, presentada coa finura e sutileza que lle caracterizan. Presenta unha loita de clases que se pelexa en pequenas batallas domésticas no microuniverso pechado dunha casa de luxo onde será crucial o uso da intelixencia, os subterfuxios, a mentira e o traballo en equipo.

Dúas familias. Unha pobre de solemnidade e outra híper rica. Uns viven nun semi-soto gañando a vida pregando caixas de pizza; os outros habitan unha mansión moderna con xardín, sistema de seguridade, criados, chofer e todas as comodidades imaxinábeis. Utilizando un pouco a picaresca, facendo uso das súas habilidades para a falsificación e aproveitando o seu gran sentido da oportunidade, a familia pobre vaise inmiscindo pouco a pouco na vida da familia rica facéndose pasar por persoal cualificado, e necesario, para educar os seus fillos e facilitar o día a día dos seus adiñeirados xefes.

O guión, escrito polo propio director e Jin Won Han (asistente de dirección de Okja), non desaproveita as tremendas posibilidades dun argumento tan celmoso. A medio camiño entre Ferro 3 (2004, Kim Ki-duk), A cerimonia (1995, Claude Chabrol) e Un asunto de familia (2018, Hirokazu Koreeda), o filme de  Bong Joon-ho destila cinismo, é burlón, grotesco e xoga as súas bazas dunha maneira intelixente volvendo poñer sobre o tapete un tema de máxima actualidade: a polarización das clases sociais e de como non fai falla moito para que a furia estoure no momento máis inoportuno.

Os recursos da familia pobre son limitados, pero emprégase a fondo para facerse pasar por xente respectábel e coa titulación necesaria para poder exercer as tarefas encomendadas. Gañan a confianza dos ricos e logran mimetizarse, case a perfección, co entorno. Pero hai un problema. O cheiro. Os pobres cheiran... e é un cheiro inconfundíbel que a familia rica pode detectar en calquera sitio. Na roupa, na tapicería do coche, no ar... Un cheiro que non soportan. Unha provocadora variábel introducida a conciencia, e con malicia, que vén dicir que “aínda que a mona vista de seda, mona queda” e que ademais serve para desestabilizar a aparente harmonía da casa.

Pero a familia rica, tan segura de si mesma como quere aparentar, non semella ser capaz de facer nada por si mesma. Sempre precisan doutras persoas que lles fagan todo o traballo. Así que... quen é realmente a familia “parasita”? Cadaquén deberá decidir que familia é a parasita, xa que Bon Joon-ho debuxa unha liña demasiado fina como para que haxa unha soa resposta correcta. Recomendábel ir en boa compaña para comentar (ou discutir) ao remate.

Unha feroz comedia negra, de múltiples lecturas, que comeza coma unha historia inxenua e amábel, toma carreiriña nunha sucesión de acontecementos que rozan o surrealismo e remata nun desenlace tan salvaxe como inesperado. Para amantes do cinema “con maiúsculas” en xeral e do cinema coreano en particular.

Comentarios