Crítica de cinema: Ons

'Ons' estrénase esta sexta feira en 16 salas de cinema.
ons

Cuarta longa de ficción de Alfonso Zarauza após A noite que deixou de chover, Encallados e Os fenómenos. Unha progresión cinematográfica coa que comezaba ser considerado como un dos máis destacados cineastas do país e que se vén confirmar nesta peza rodada íntegra na illa de Ons; decorado natural incomparábel pero tamén un reto loxístico e de produción.

Vai dunha parella, interpretada por Melania Cruz (Arima) e Antonio Durán ‘Morris’ (María Solinha), disposta pasar o verán na illa para tratar de superar un accidente traumático e darlle un pulo á relación. O aire da illa ou, mellor dito, o influxo do faro, séntalle moi ben ao home que pide alongar a estancia. A muller cede ao seu marido, unha decisión que a irá consumindo por dentro. A aparición dunha muller moribunda na praia (Anaël Snoek) fará de catalizador para destapar segredos inconfesábeis.

O faro xoga un papel crucial no filme. Seica todo xira entorno o faro. Todo é farocéntrico. Case semella que o faro botase raíces na illa interconectando a todos os seus habitantes tal se fora un Crann Bethadh, a árbore celta da vida. O guión, firmado por Zarauza e Jaione Camborda, contén outros elementos ocultos sobre mitos, lendas e misterios de illas remotas. Ocultos en detalles sutís, referencias veladas ou frases soltas que pasan desapercibidas no groso do hiperrealismo dun drama centrado no paradoxo da liberdade na soidade, pero que cobran sentido na enigmática frase final coa que Zarauza fai o seu particular homenaxe a Billy Wilder.

Tamén intúense ecos de Roberto Rossellini (Stromboli), na protagonista, ou David Lean (A filla de Ryan), no rol do parvo/listo da illa interpretado por Diego Anido que apunta a unha particular disputa nos Mestre Mateo co propio que encarnou Milo Taboada en A illa das mentiras. Outras interpretacións a destacar son a Marta Lado (Sicixia), como fareira da illa, a do seu marido Xúlio Abonjo (Encallados) ou a de Cris Iglesias (Eroski-Paraíso), nun brevísimo pero determinante papel. A presencia de Miguel de Lira (A esmorga) fai subir enteiros cada vez que aparece en escena.

Zarauza autoimponse unha norma na realización: nada de contraplanos nin de cambios de plano. Todas as secuencias dunha vez, sen cortes. Un detalle técnico que cobra especial relevancia pois inhabilita a posibilidade de “arranxar” na montaxe. Unha aposta arriscada pero que subliña o nivel de dominio de Zarauza sobre o conxunto e que conecta coa vangarda do cinema europeo sacrificando a proximidade coas personaxes en prol do entorno e os espazos que as rodean, uns espazos que inflúen na maneira de percibir ás personaxes. E aí está o quid da cuestión...

ONS

(Galiza-Portugal 2020, 87 min.)

Dirección: Alfonso Zarauza

Guión: Jaione Camborda e Alfonso Zarauza

Fotografía: Alberte Branco

Música: Elba Fernandez e Xavier Font

Elenco: Melania Cruz, Antonio Durán ‘Morris’, Xulio Abonjo, Anaël Snoek, Marta Lado, Diego Anido, Cris Iglesias, Miguel de Lira

Comentarios