Crítica de cinema: Nación

'Nación' de Margarita Ledo Andión.

Margarita Ledo Andión toma como eixe argumental a fábrica de louza da Pontesa nun estimulante relato antipatriarcal contra a desmemoria contado a través das experiencias de varias das empregadas da fábrica de Ponte Sampaio. Conta como personaxe central a Nieves P. Lusquiños, ex-traballadora da fábrica que entrou con apenas 14 anos obtendo o primeiro salario “nun sobre beis” que abría un futuro de independencia persoal. Con 18 xa tiña coche propio (un Dylane 6 amarelo descapotábel) e unha xuventude chea de momentos memorábeis; até que o patrón deixou de pagar e por aí si que non. “Traballar sen cobrar, iso nin falar”.

A fábrica de vaixelas de cerámica deu emprego durante décadas a miles de mulleres e homes da comarca. Quen fose de Soutomaior e non traballase na Pontesa, cando menos, tiña familiares ou achegadas que si. A mala xestión, a precariedade laboral, as xornadas de 12 horas, os soldos miserábeis e unha estrutura patriarcal inadmisíbel, fixeron que as mulleres se ergueran nunha loita obreira, apoiada por Lois Obelleiro de maneira exemplar, que aínda colea ata os nosos días.

A través da lente de Alberte Branco, e da música orixinal de Mercedes Peón e as interpretacións de Mónica de Nut, Nación transita entre unha narrativa documental, dramatizada, poética e, incluso, de cinema experimental, tecendo unha historia de sororidade entre mulleres fagocitadas por un sistema capitalista industrial que as explotaba, e que as levou un litixio visto para sentencia o 28 de xaneiro de 2020 nos xulgados da Coruña, xulgados onde comezou tomar forma o filme pero non onde remata...

Facendo súa unha das propias frases de Nación, Ledo “soborda a cerca” de Pontesa, na que se encadra o filme, e traspasa a cuarta parede mirando directamente aos ollos do público a través do valente e sobrecolledor monólogo-confesión de Mónica Camaño precedido dunha homenaxe e recordatorio de moitos dos nomes e apelidos daquelas mulleres que quedaron polo camiño. Humilladas. Maltratadas. Torturadas. Violadas. Asasinadas.

Un epílogo que deixa o corazón encollido, a emoción a flor de pel e a certeza de ter presenciado unha obra transcendental remexedora de conciencias. Xusto a continuación non queda outra que presenciar, en escrupuloso silencio, unha serie de fotografías escollidas para a ocasión mentres recuperamos o alento antes de poñernos aplaudir sen mesura nos títulos de crédito finais.

Galardoada no Festival de Cinema Europeo de Sevilla co Premio Especial á Mellor Dirección e nomeada aos Mestre Mateo nas categorías de Mellor Documental e Mellor Música Orixinal.

Nación

(Galiza 2020, 90 min.)
Dirección e guión: Margarita Ledo Andión
Música: Mercedes Peón
Fotografía: Alberte Branco
Elenco: Nieves P. Lusquiños, Mónica Camaño, Mónica de Nut, Xoana Pintos, Manuela Nóvoa Pérez, Ester García Lorenzo, Carmen Portela Lusquiños, Carmen Álvarez Seoane, Laura Martínez Iglesias, Eva Veiga

Comentarios