Crítica de cinema: "A mellor oferta", como seu nome indica

Virgil Oldman (Geoffrey Rush) é un excéntrico e solitario axente de puxas moi valorado pola súa capacidade de recoñecer a veracidade dunha obra. A súa vida mantense ao marxe de calquera sentimento afectivo ata que coñece a unha fermosa rapaza (Sylvia Hoeks) cunha extraña enfermidade que lle encarga vender as obras de arte herdadas dos seus pais. A partires dese intre a vida de Virgil vaise transformar para sempre.

A mellor oferta
photo_camera A mellor oferta

Ano: 2013
Duración: 124 min.
País: Italia
Director: Giuseppe Tornatore
Guión: Giuseppe Tornatore
Música: Ennio Morricone
Fotografía: Fabio Zamarion
Reparto: Geoffrey Rush, Jim Sturgess, Sylvia Hoeks, Donald Sutherland


SINOPSE

Virgil Oldman (Geoffrey Rush) é un excéntrico e solitario axente de puxas moi valorado pola súa capacidade de recoñecer a veracidade dunha obra. A súa vida mantense ao marxe de calquera sentimento afectivo ata que coñece a unha fermosa rapaza (Sylvia Hoeks) cunha extraña enfermidade que lle encarga vender as obras de arte herdadas dos seus pais. A partires dese intre a vida de Virgil vaise transformar para sempre.

CRÍTICA

Nomear a Tornatore é sinónimo de traernos á memoria “Cinema Paradiso” (1988). E así seguirá sendo porque con este último traballo cumple pero non maravilla como fixera con aquela. “A mellor oferta” é unha película onde nada é o que parece. Está narrada con intelixencia cun guión sólido e convincente. Non malgasta a metraxe de máis de dúas horas en excesivas explicacións aínda que os diálogos están cargados de información e vai dando pistas en pequenas doses para que o espectador máis esperto poda adiantarse ao inesperado final. Tampouco hai que esperar golpes de efecto. A historia é pausada, aínda que non parada, acorde co ambiente enigmático e preciosista. Lembra na temática a “Trance” (2013, Danny Boyle), polo tema do tratante de arte e polos xiros na trama, pero é todo o contrario a esta. Mentres a de Boyle é un frenesí inconexo de imaxes e cun guión que vai a trompicóns, a de Tornatore é pulida, envolvente e cunha gran beleza visual. A fotografía achégase a ratos á categoría de obra pictórica. Por momentos parece que estamos a contemplar un cadro. Tamén ten unha boa partitura de Ennio Morricone, habitual de Tornatore. Non é unha das mellores bandas sonoras do xenio octoxenario pero vai acorde co ton do filme. Xunto coa fotografía e a dirección tamén destacaría ao australiano Geoffrey Rush. Cunha actuación contida e achegada á par crea unha persoaxe excéntrica afastada do mundo pero totalmente crible desde o principio. A holandesa Sylvia Hoeks e o inglés Jim Sturgess están bastante ben tamén. Completa este casting  internacional o canadiense Donald Sutherland que borda o papel de amigo/socio do protagonista. A película a ratos faise algo densa con moito diálogo e por momentos non se sabe se estamos a ver unha película de suspense, unha de amor ou un drama. Pero precisamente esto é o que lle gusta a Tornatore, que non nos acomodemos na butaca e non perdamos nen un segundo de metraxe porque eso sería fatal para a comprensión da trama. Algo artificiosa por momentos pero precisamente diso vai á película. Nunha frase pódese resumir o fío condutor: sempre hai algo auténtico oculto en cada falsificación. Toda unha metáfora entre a arte e o amor. ¿Cómo detectar se unha obra de arte é falsa? ¿Cómo saber se un amor é real? É desas películas que é mellor non saber moito porque se goza descubrindo os entrexixos como se estivéramos montando un autómata. Un dos thriller máis destacados do que vai de ano e do mellor que se pode ver na pantalla a día de hoxe.

Comentarios