Crítica de cinema: "Levántase o Vento", cae o pano sobre a filmografía do mestre Miyazaki

Sexta feira. A proposta fílmica da semana é un filme de animación dun director de culto que se retira das pantallas, Hayao Miyazaki. Unha película feita a man, unha delicia dirixida ao público adulto.

filme 2
photo_camera filme 2

LEVÁNTASE O VENTO
Título orixinal: Kaze tachinu
Ano: 2013
Duración: 125 min.
Nacionalidade: Xapón
Director: Hayao Miyazaki
Guión: Hayao Miyazaki
Música: Joe Hisaishi
Productora: Studio Ghibli

SINOPSE
Jiro Horikoshi é un rapaz de provincias de principios do século XX que ten o soño de  voar e deseñar avións coma os do enxeñeiro Gianni Caproni. Decide estudar Enxeñería e pronto ingresa na división aeronáutica de Mitsubishi. As súas ideas revolucionarias convérteno axiña nun valorado deseñador que irá gañando prestixio e algún que outro inimigo debido a certas amizades e as súas ideas contrarias ao réxime. Pero a súa dedicación e talento farán que supere todas as dificultades e deseñará un dos avións máis populares da Segunda Guerra Mundial: o Zero Fighter.

CRÍTICA
Ninguén pode dubidar a estas alturas que Hayao Miyazaki é todo un mestre do mundo da animación. Conseguiu no seu momento que os primitivos movementos dos debuxos animados nipóns lograran competir ao mesmo nivel que outras producións de moito máis presuposto grazas a unha filosofía na racionalización do traballo que trasladou a un modesto estudio que creou única e exclusivamente para a animación co fin de poder competir coas grandes industrias. O Studio Ghibli. Ao longo da súa prolífica carreira deixounos xoias indiscutibles coma  “O meu veciño Totoro”, “A princesa Mononoke” ou “A viaxe de Chihiro” e participou en series tan míticas coma “Heidi”, “Marco” ou “Sherlock Holmes” (a dos cans antropomorfos), entre outras moitas películas, curtametraxes, obras gráficas, banda deseñada e demais colaboracións.

Realidade e mundo onírico

Tras case 50 anos de dedicación case exclusiva ao mundo gráfico pasa o que tiña que pasar: retírase. E faino cunha adaptación da novela de Tatsuo Hori que o mesmo Miyazaki plasmou nunha banda deseñada. Narra a vida de Jiro Horikoshi (1903-1982), un enxeñeiro xaponés famoso por ser o creador do avión Zero, tristemente famoso na Segunda Guerra Mundial. Un biopic en debuxos animados. Algo pouco habitual que por riba nos achega unha personaxe descoñecida no mundo occidental, aínda que sexa famosa no seu país: foi honrado coa Orde do Sol Nacente, un dos máis altos recoñecementos que pode ter un xaponés.

Está tan chea de detalles que é desas películas que gañan en posteriores visionados.

Miyazaki abandona o mundo fantástico de seres fantásticos e máxicos por un mundo real de principios do século XX. Porén, non deixa de todo o mundo onírico que consegue plasmar nos encontros entre Jiro Horikoshi e Gianni Caproni, outro grande enxeñeiro aeronáutico da época. Momentos que tamén aproveita para plasmar os propios soños de Hayao Miyazaki, gran amante do mundo da aviación sobre todo debido a que o seu pai traballaba nunha empresa que fabricaba mandos para avións. De feito en practicamente toda a súa filmografía trata de sacar máquinas voantes, desde a evidente “Porco Rosso” ou “O castelo no ceo”, pasando polos avións de papel de “A viaxe de Chihiro” ou os enxeños voadores do profesor Moriarty na serie “Sherlock Holmes”.

Homenaxe á nai

Tamén, como en gran parte da súa filmografía, opta por facer unha homenaxe directa á súa nai. E desta volta unha moi directa. A nai de Miyazaki estivo gran parte da súa infancia encamada por mor da tuberculose, cousa que lle pasa á personaxe de Naoko Satomi, a muller de Jiro Horikoshi. Honra así a memoria dos seus pais. Un elegante e digno modo de retirarse. A película tamén está chea de referencias históricas: desde a citada tuberculose de principios de século na que eran normais os sanatorios alpinos contra a tuberculose (que saen no filme), ata o gran terremoto de 1923 (no que teñen un primeiro encontro Jiro e Naoko) ou momentos previos á Segunda Guerra Mundial e personaxes reais da época (coma Gianni Caproni ou Hans Castorp).

Todo a man

No apartado visual prescinde da grandilocuencia e busca a sinxeleza en cada imaxe tratando que o conxunto sexa dunha beleza calma. Isto pódese confundir con que é unha película menor pero todo o contrario. Está tan chea de detalles que é desas películas que gañan en posteriores visionados. E ademais todo a man. Ao vello estilo. Nada de contar coa axuda dos ordenadores. Isto engádelle un enorme mérito se temos en conta certas secuencias que deberon levar un enorme traballo artístico. Tamén coma sempre Miyazaki autoreferénciase (a imaxe de Castorp lémbranos poderosamente á da bruxa de “A viaxe de Chihiro”), mostra o poder da natureza (no terremoto), aos citados avións, á nai (que xa introducía de maneira bastante clara tamén en “O meu veciño Totoro”) e tamén os valores do mundo nipón que conflúen no heroe e nas personaxes que o guían e axudan no seu camiño. Tamén conta de novo coa partitura de Joe Hisaishi, xenial en cada nota, coma sempre. A película é unha delicia dirixida ao público adulto. Só se lle pode achacar que a trama quizais coxea un pouco no guión, porén non defraudará os amantes do anime e por suposto cumprirá con creces as expectativas. Estamos ante a derradeira película de Hayao Miyazaki, creo que paga a pena vivir este momento histórico.

Comentarios