venres 23/07/21

Crítica de cinema: "Guerra Mundial Z"

Brad Pitt: protagonismo absoluto. Máis unha fábula apocalíptica de Hollywood, un Hollywood máis zombie do que nunca. World War Z (2013). Unha crítica de Andrés Castro.

Guerra Mundial Z
Guerra Mundial Z

GUERRA MUNDIAL Z
Título orixinal: World War Z
 

Ano: 2013
Duración: 116 min.
País: Estados Unidos.
Director: Marc Forster
Guión: J. Michael Straczinski, Matthew Michael Carnahan
Música: Marco Beltrami
Fotografía: Robert Richardson
Reparto: Brad Pitt, Mireille Enos, Daniella Kertesz, David Morse, Matthew Fox, James Badge Dale, Eric West

SINOPSE
O mundo está ameazado por unha pandemia de zombis. Gerry Lane (Brad Pitt), un antigo periodista da ONU, tentará buscar unha solución tratando de encontrar axuda para desenrolar unha vacina que evite a destrución da raza humana e, de paso, a da súa propia familia.

CRÍTICA
Adaptación da novela homónima de Max Brooks, escritor norteamericano fillo de Mel Brooks e Anne Bancroft. O título pode levar a engano a algún despistado. O que espere atopar a Songoku dando chimpos ou ver unha película parodia de serie Z, o cal tería o seu punto, vaise levar un chasco. Por contra, estamos ante un produto que pretende ser serio, sen o conseguir, e ter continuación nunha especie de saga post-apocalíptica onde os humanos loitan contra os zombis. Si, a “Z” do título é de “zombi”. Así de simple. Detrás desta superprodución está Brad Pitt, tanto diante da cámara coma aportando cartos para a causa. Unha presenza que xa de por si garante unha chea de cartos nos cinemas de xente que acudirá en masa coma se fosen os citados zombis do filme. O guión non se asemella demasiado á novela de Brooks, sendo máis unha interpretación do que unha adaptación.

Uns efectos especiais que pretenden ser espectaculares quedan nunha marfallada que marea e deixa indiferente. Tras un comezo ao estilo M. Night Shyamalan, cheo de adrenalina, a cousa convértese nun despropósito de pura repetición e de escenas incribles, non por extraordinarias, senón porque non podemos crer unha sucesión de acontecementos tan mal levados. Non logran transmitir o suposto medo que teñen os protagonistas nin tampouco enganchar o público.

Quedoulles unha película sen alma, ao igual que os zombis que saen nela.

O que prometía ser unha odisea familiar ante un desastre de características apocalípticas trúncase moi pronto e convértese nunha loita persoal do salvador Brad Pitt por encontrar unha solución e salvar o mundo. Rechama moito a atención un ton excesivamente serio e profundo cunhas personaxes de rostros eternamente preocupados. Porén, esa presuposta preocupación non chega de todo ao espectador que acaba por desexar que acabe o filme. Por certo, un desenlace moi ao estilo da “Guerra dos Mundos” que apunta a futuras continuacións a través dunha frase citada polo propio Pitt e que deixa pampo ao persoal, máis por ser de vergoña allea que por outra cousa.

Aínda que entretén un pouco, quedoulles unha película que parece máis unha serie de televisión e que basicamente se apoia única e exclusivamente na imaxe do actor/produtor. O resto deixa moito que desexar. Efectos especiais mediocres, trama pillada con pinzas, abundancia de tópicos, actuacións tirando a ruíns e personaxes pouco traballados. Iso acaba defraudando porque a historia podería estar moi ben. O problema é que non souberon ensamblar as partes de drama, acción, terror e suspense e quedoulles unha película sen alma, ao igual que os zombis que saen nela. A destacar o inicio, sen apenas preámbulo, pero para iso é mellor xa ver o tráiler e aforrar tempo e diñeiro.

comentarios