A CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Gardiáns da galaxia, as personaxes de Marvel en acción

Andrés Castro achéganos unha proposta de ciencia ficción para a fin de semana. O novo de James Gunn da man dalgunhas das personaxes de Marvel. 

Gardiáns

GARDIÁNS DA GALAXIA
Título orixinal
: Guardians of the Galaxy
Ano: 2014
Duración: 121 min.
Nacionalidade: estadounidense    
Director: James Gunn
Guión: James Gunn e Nicole Perlman
Fotografía: Ben Davis
Música: Tyler Bates
Elenco: Chris Pratt, Zoe Saldana, Dave Bautista, Bradley Cooper, Lee Pace, Michael Rooker, John C. Reilly, Glenn Close, Vin Diesel, Karen Gillan, Djimon Hounsou, Benicio del Toro, Josh Brolin, Gregg Henry, Laura Haddock

SINOPSE
O saqueador espacial Starlord (Chris Pratt) rouba unha misteriosa esfera que contén unha prezada xema no seu interior. Ronan o Acusador (Lee Pace) ponlle prezo á súa cabeza co propósito oculto de apoderarse da xema que resulta ter o poder suficiente para que poida dominar o universo. Starlord vai ter que aliarse cuns inadaptados foraxidos formados por un mapache, unha árbore humanoide, un asasino convicto e unha letal amazona, se quere impedir que Ronan acade os seus plans.

CRÍTICA
Adaptación á pantalla grande dun dos cómics menos coñecidos do Universo Marvel. A equipa de Gardiáns da Galaxia naceu en 1969 coma un grupo de heroes intergalácticos que operan nun universo paralelo do século XXXI. Apareceron esporadicamente en diferentes publicacións da Marvel ate 1995 que se cancelou a serie. En 2008 Dan Abnett e Andy Lanning retoman o conto pero con novos integrantes. A película de James Gunn baséase xusto nesta última equipa formada por uns súperheroes espaciais do máis atípico. Capitaneados por Starlord, un saqueador espacial humano que forma parte dunha banda de piratas espaciais ao que se unen: Rocket, un belixerante mapache modificado xeneticamente; Groot, un home-árbore frankensteiniano de poderosas habilidades; Drax o Destrutor, un ex-convicto con moi malas pulgas; e Gamora, unha asasina de cor verde cunha forza e axilidade sobrehumanas. Xuntos van ter que enfrontarse a Ronan o Acusador, un súpervilán con ansias de gobernar o Universo. 

O protagonista está interpretado por Chris Pratt, un desvergoñado piloto espacial mestura entre Indiana Jones, Buck Rogers e Marty McFly. Bradley Cooper (A grande estafa americana) e Vin Diesel (Pitch Black), póñenlle as voces ao mapache e o home-árbore respectivamente. Unha parella con bastantes puntos en común cos míticos Han Solo e Chewbacca. Zoe Saldana (Avatar) no rol da alieníxena verde e Dave Bautista (Riddick), coma o hipermusculado Drax, completan a equipa dos Gardiáns da Galaxia. Papeis meramente anecdóticos para as estrelas Glenn Close (101 dálmatas), Benicio del Toro (Che) e, por suposto, tamén temos o pertinente cameo de Stan Lee, que non se perde unha... 

Hai que tomala como o que é: unha película de ciencia-ficción e aventuras para todos os públicos deseñada para entreter

Á parte das referencias evidentes a Star Wars ou Indiana Jones, en Gardiáns da Galaxia hai tamén un cheiro á serie de culto Firefly (que tivo unha posterior película titulada Serenity), pero cun potente filtro infantil. O guión de Gardiáns da Galaxia carece de profundidade, entre os protagonistas hai pouca química e os malvados carecen de carisma. Quizais cun director máis experimentado que James Gunn a cousa podería ser bastante mellor. Porén esta sinxeleza semella estar estratexicamente deseñada para captar á rapazada para que non se perdan as vindeiras secuelas e de paso ir facendo caixa entre os bonequiños, videoxogos e demais recursos de marketing. 

E para que os pais non se aburran tamén tiran de nostalxia dos oitenta cunha selección musical que ten o seu punto, aínda que no filme está metida con calzador. Cancións de David Bowie, The Runnaways, Jacksons 5 ou Marvin Gaye que amenizan as secuencias de transición. Iso si, curiosa e orixinal presentación do protagonista a ritmo de “Come and Get Your Lov” dos Redbone, marcándose un baile moi ao estilo Gene Kelly. 

Para gozar de Gardiáns da Galaxia non hai que ter moitas pretensións. Hai que tomala como o que é: unha película de ciencia-ficción e aventuras para todos os públicos deseñada para entreter. Sen máis. Engadir para cómic-adict@s que a historia ten conexións co mundo de Thor a través de presenza de personaxes coma o titán Thanos, interpretado pola voz de Josh Brolin (Non é país para vellos). Seguramente en futuras entregas haberá máis dunha coincidencia entre ambos universos. De feito xa se apunta antes dos títulos de crédito do final que vai haber secuela. Títulos de crédito que, por certo, teñen “premio” para quen se quede ate o remate. Unha sorpresa bastante graciosa…

Comentarios