Crítica de cimena: 'A gaiola dourada'

 Fai trinta anos que Maria (Rita Blanco) e Jose (Joaquim de Almeida) emigraron de Portugal a unha pequena portería dun barrio parisiense. Son moi apreciados no barrio ata que un día teñen a ocasión de volver ao seu país a raíz dunha suntuosa herdanza.

filem

SINOPSE

Fai trinta anos que Maria (Rita Blanco) e Jose (Joaquim de Almeida) emigraron de Portugal a unha pequena portería dun barrio parisiense. Son moi apreciados no barrio ata que un día teñen a ocasión de volver ao seu país a raíz dunha suntuosa herdanza. A familia, os veciños e o xefe de Jose non están moi de acordo con esta decisión e farán o posible para que non se vaian.

CRÍTICA

Normalmente as óperas primas soen levar unha importante aportación persoal e autobiográfica dos directores. O director francés, de ascendencia portuguesa, Ruben Alves (tamén guionista) fai o propio en A gaiola dourada deixando unha homenaxe aos pais a modo de Un franco, 14 pesetas de Carlos Iglesias, detalle que se encarga de puntualizar nos créditos finais. Alves narra a historia de María e Jose, unha parella de emigrantes portugueses que emigraron a París hai trinta anos. Maria traballa nunha portería e Jose de albanel. Durante todo este tempo tiveron que sacrificarse, día si e día tamén, para criar e darlle unha boa educación aos seus fillos, nados franceses, no medio dun barrio rico. Todo o barrio quérelles ben, aínda que máis porque son traballadores e fan favores sen pedir nada a cambio que por amizade. Mais cando reciben a noticia dunha suculenta herdanza que lles deixa o irmán de Jose enxergan a posibilidade de retornar ao seu propio país e deixar o país de acollida do que nunca chegaron a sentir coma propio. No inicio hai unha sensación a deja vu de típica comedieta francesa, porén a medida que avanza o filme as personaxes tórnanse bastante simpáticas e humanas. Acada por transmitir esa dicotomía de sentimentos encontrados polos que pasamos algunha vez os que tivemos que vivir unha longa tempada lonxe da terra. Trata temas tan controvertidos como a integración, o soños cumpridos (e non cumpridos), as aparencias, o egoísmo, o drama familiar, os intereses dos demais sobre os propios, o difícil retorno á patria… todo isto aderezado con tópicos lusos sobre fado e bacallau. Toca moitos paus tratando máis de suxerir que de afondar ou dar leccións de moralidade. A dirección é algo irregular propia dun director novel. Alternando momentos de altura con momentos mediocres, con todo en conxunto acada unha comedia mais que aceptable arredor dun tema tan de actualidade como a emigración. Non por nada foi avalada co Premio do Público nos pasados Premios do Cinema Europeo. Destaca no papel principal a presenza do internacional Joaquim de Almeida (Perigo inminente, Capitáns de abril) acompañada por unha Rita Blanco (Amour, Inquietude) que se come cada escena interpretando o rol dunha sufrida nai e sacrificada conserxe portuguesa. Película fresca e moi humana para quen busque sacar un sorriso sen máis pretensión. Atención tamén os siareiros deportivistas porque no final destaca a aparición especial dun futbolista portugués que tivo unha participación importante nun dos títulos máis importantes da historia do club herculino.

A GAIOLA DOURADA

Título orixinal: La cage dorée

Ano: 2014

Duración: 90 min.

Nacionalidade: Francia

Director: Ruben Alves

Guión: Ruben Alves, Hugo Gélin e Jean-André Yerles

Fotografía: André Szankowski

Música: Rodrigo Leao

Reparto: Rita Blanco, Joaquim de Almeida, Roland Giraud, Chantal Lauby, Barbara Cabrita, Maria Vieira, Lannick Gautry, Jean-Pierre Martins, Jacqueline Corado

Comentarios