Crítica de Cinema: Free birds (Vaia pavos!)

Un pavo indultado no Día de Acción de Grazas. Festa e comida, moi propia para estas datas a película que nos achega o noso crítico na súa sección das quintas feiras. 

Cartaz de Free Birds
photo_camera Cartaz de Free Birds

FREE BIRDS (VAIA PAVOS!) 

Título orixinal: Free Birds (Turkeys)
Ano: 2013
Duración: 91 min.
País: Estados Unidos
Director: Jimmy Hayward
Guión: Craig Mazin, John J. Strauss, David Stern
Música: Dominic Lewis

SINOPSE

O pavo Reggie é indultado no Día de Acción de Grazas e vai vivir á mesmísima Casa Branca xunto á filla do Presidente dos Estados Unidos que o adopta. Un día topa con outro pavo que rolda pola zona, Jake, e xuntos emprenden unha viaxe ao pasado nunha máquina do tempo que está probando o exército norteamericano para tratar de impedir que o pavo sexa o prato principal da cea principal de Acción de Grazas.

CRÍTICA

A pesar de tratar unha das festa máis iankis e tan culturalmente afastada das nosas coma é o Día de Acción de Grazas, a película trata xa desde os títulos de crédito iniciais de xeneralizar o concepto deixando claro que as festas, sexan de onde sexan, son a escusa perfecta para sentarse á mesa a papar e pórse cegos. E iso é unha verdade coma un mundo. Creo que en xeral somos bastante expertos en festas gastronómicas, non si? E senón só hai que mirar o calendario e tratar de sinalar nel as máis de 1.000 festas gastronómicas que hai distribuídas ao longo do ano no noso país. Farían falla lustros para poder acudir a todas sen morrer no intento, xa que moitas ademais son no verán. En fin, que pasado este trámite de sentir menos lonxe unha festa tan americana (e canadense tamén) coma é o Día de Acción de Grazas, atopámonos con que, aparte dunha aventura de pavos falantes, temos que a trama ten unhas boas doses de ciencia-ficción, xogando de cerca con “Regreso ao futuro”, máis un chisco de “Terminator”, polo de lograr que non suceda algo no futuro, e sobre todo con bastantes similitudes a “O tempo nas súas mans” (1960, George Pal), polo de axudar a liberar a un pobo que serve de alimento a outro. Son parecidos simplemente razoables que non son moi evidentes para a rapazada así que os pais non teñen moito de qué preocuparse. Iso si, nos USA foi cualificada coma PG (Parents Guidance Suggested), é dicir, que se recomenda que os nenos vaian acompañados dos pais porque algún material pode non ser apropiado. Coñecendo o puritanismo americano iso é bo sinal. De feito as razóns principais para dar esa cualificaron consistiron en detalles tan chorras coma que: o pavo protagonista namórase dunha pava, hai pelexas entre os protagonistas e porque os peregrinos son cazadores. Sen comentarios…

"Aparte dunha aventura de pavos falantes, temos que a trama ten unhas boas doses de ciencia-ficción"

A trama vai de dous pavos, dun suposto presente, que se meten nunha máquina do tempo para volver ao século XVII e impedir así o Día de Acción de Grazas. Con permiso de facer un xogo de palabras doado, estamos ante un guión moi pavero. Hai algún cazapo coma o uso de dinamita e de certas armas moito antes de que se inventaran, e tamén non chega a callar de todo ben a relación humanos-animais, pero hai aventura, comedia e, coma non podería ser doutra forma, o intento de transmitir certos valores para os rapaciños: a lealdade, o espírito de superación, o ser diferente, o valor da amizade... pero sen adoutrinar. Ademais é moi de agradecer que non se poñan a cantar sen vir a conto no medio da historia. Detrás do proxecto están os Estudios Real FX Creative, con moi escasa experiencia en filmes de animación, pero que cumpre con nota no detalle visual. Animación áxil e de calidade á altura das grandes produtoras. No son está a Skywalker sound, de Lucas Arts, que asegura tamén uns bos efectos sonoros. De feito estivo nomeada aos premios Annie no apartado de Mellor Música. A película non aporta nada novo pero tampouco é pretenciosa. O único que pretende é entreter sen máis, e a verdade é que o acada. Gustará aos nenos e divertirá aos maiores que poderán botar unhas cantas risas. Recomendable como alternativa para sacar aos cativos da casa nestas datas vacacionais. E ollo que os títulos de crédito van con sorpresa, avisados quedades.

Comentarios