Critica de Cinema: "Días de vinilo"

A película arxentina "Días de vinilo" conseguiu sacar risos ao crítico Andrés Castro, tamén lle  produciu unha sensación de benestar que agora comparte na súa sección semanal.

Días de Vinilo
photo_camera Días de Vinilo

Ano: 2012
Duración: 110 min.
Nacionalidade: Argentina
Director: Gabriel Nesci
Guión: Gabriel Nesci
Fotografía: Rolo Pulpeiro
Música: Guillermo Guareschi
Reparto: Gastón Pauls, Fernán Mirás, Ignacio Toselli, Rafael Spregelburd, Emilia Attías, Inés Efron, Akemi Nakamura, Carolina Pelleritti, Maricel Álvarez, Leonardo Sbaraglia

SINOPSE

Facundo (Rafael Spregelburd) vai casar. A súa inseparable cuadrilla da infancia comeza entón a pensar nas súas respectivas relacións: Luciano (Fernán Mirás) é un locutor de radio que ten unha relación irregular cunha estrela da música, Marcelo (Ignacio Toselli) está tan metido nun grupo tributo dos Beatles que ten pánico a unha relación estable e Damián (Gastón Pauls) escribe guións de cinema ao tempo que trata de levantar cabeza tras romper coa súa parella pero de súpeto aparece Vera (Inés Efrón), unha vendedora de cosméticos moi particular.
 
CRÍTICA

Nas últimas décadas o cinema arxentino vennos agasallando con grandes películas onde o humor está moi presente: “O fillo da noiva”, “Bombón o can” ou “Tempo de valentes” son claros exemplos. O humor arxentino nas películas ten a particularidade de parecer sempre moi natural, nunca parece forzado. Supoño que é algo innato. “Días de vinilo” é unha comedia de enredo que destila ese sentido do humor innato con espazo incluso a homenaxes aos míticos Les Luthiers en algunha brincadeira de xogo de palabras. Pero gran parte de culpa de que funcionen os gags é grazas a un guión milimetrado do propio director Gabriel Nesci, que debuta no cinema con este filme, xunto cuns actores en estado de gracia cos que acabamos identificándonos en maior ou menor medida. Colaboración destacada a de Leonardo Sbaraglia que aquí fai de si mesmo, e tamén de catalizador da historia, en tres memorables aparicións de autoparodia que aseguran o esmendrelle do persoal.

 “Días de vinilo” é unha comedia de enredo que destila ese sentido do humor innato con espazo incluso a homenaxes aos míticos Les Luthiers"

O director firma un guión no que utiliza a Gaston Pauls (“Nove raíñas”, “Iluminados polo lume”) coma o unha sorte de alter ego para plasmar as súas filias e fobias sobre a música, a escritura de guións, o amor e a amizade. Do resto do reparto tamén destacar a Inés Efron (“Medianeras”, “Cerro Bayo”), que foi nomeada a Mellor Actriz de reparto pola Asociación de Críticos de Cinema de Arxentina polo papel dunha  extravertida vendedora de cosméticos que se queda coa única copia do guión da personaxe interpretada por Pauls e que provoca máis de unha dor de cabeza ao protagonista.

A película utiliza a música como vehículo para contar as historias dos catro amigos, cousa que lembra bastante a “Alta fidelidade” (2000, Stephen Frears) pero esta algo máis lixeira e con menos gancho. A pesar do axustado presuposto conta cos dereitos de cancións de Queen, Rod Stewart, Morrisey e por suposto de The Beatles, que por algo unha das personaxes fai de John Lennon nun grupo tributo. De feito inicialmente o filme estivo a piques de titularse “Todo o que necesitas é amor”, en clara referencia á banda de Liverpool, pero mudou ao final. Todas as historias teñen tres puntos en común: a música, as mulleres e sobre todo a amizade. De feito ningunha das historias dos catro amigos destaca demasiado sobre as outras senón que máis ben son historias cruzadas, deixando claro que todos eles son importantes e que as súas vidas só poden entenderse coma grupo, aínda que a vida acabe por separalos. Non é nada casual que “Días de vinilo” comece e remate co “You are my best friend” de Queen, toda unha oda á amizade. Unha película divertida comedia romántica que logra sacar un par de gargalladas e sobre todo a sensación de benestar por non haber tirado os cartos.

Comentarios