Crítica de Cinema: 'Dallas Buyers Club'

A Ron Woodroof (Matthew McConaghey), un vaqueiro drogadicto e mullereiro diagnostícanlle o virus VIH. Estamos a mediados dos 80 cando a información e tratamentos contra SIDA eran moi escasos.

Dallas-Buyers-Club-Feature

 Sinopse

Sinopse

A Ron Woodroof (Matthew McConaghey), un vaqueiro drogadicto e mullereiro diagnostícanlle o virus VIH. Estamos a mediados dos 80 cando a información e tratamentos contra SIDA eran moi escasos. Tras superar o shock inicial, Ron asume a súa nova situación e comeza unha cruzada personal contra o sistema e as farmacéuticas que tratan de introducir o AZT coma o único medicamento que parece combater esta terrible enfermidade. Pero Ron descubriu pola súa conta cunha mestura de medicamentos que manteñen a raia os síntomas do SIDA sen tantos efectos secundarios coma o AZT.

Crítica

Estrea que chega ás nosas pantallas co respaldo dos Óscar. Un para Matthew McConaghey como actor principal, e outro para Jared Leto coma actor de reparto, así coma outro na categoría de Maquillaxe. Ademais dos Óscar ambos actores xa se levaran nas mesmas categorías un par de Globos de Ouro, entre outros premios da crítica americana e internacional que foron compartindo e alternando.

McConaghey adelgazou uns 15 quilos, ata pesar apenas 62 para dar vida a Ron Woodroof, un home texano que se ve sorprendido cando lle diagnostican SIDA, nunha época na que se pensaba que só afectaba a homosexuais. Ten que enfrontarse aos prexuízos (propios e alleos) e loitar contra as farmacéuticas e o goberno para que non monopolizaran a enfermidade coma un negocio e permitiran investigar e probar diferentes medicamentos aprobados en outros países pero prohibidos nos Estados Unidos. Leto non tivo que adelgazar tanto posto que é xa delgadiño de por si, pero si que ten unha aparencia de extrema delgadeza para interpretar a Rayon, un transexual tamén infectado co VIH que axudará a Ron na súa cruzada.

Ambos tiveron que facer unha transformación física destacable o cal invita a pensar se os premios de interpretación van da man dun cambio de peso ou afeamento para poder acadalos. Porque sendo sinceros... non están mellor Bruce Dern en “Nebraska” ou Leonardo DiCaprio en “O lobo de Wall Street”? ou no rol secundario... non lle da mil voltas Michael Fassbender en “12 anos de escravitude”? Porén non quere dicir que McConaghey e Leto non teñan unhas actuacións notables, que as teñen e que incluso eclipsan ao resto do reparto (aínda que en ocasións nótase certa falta de química entre as dúas personaxes), o único é que as veces os cambios físicos parece que son máis premiados que unha boa interpretación. Iso si, as comparacións sempre son odiosas por suposto. Como película “Dallas Buyers Club” funciona coma un biopic de época baseado en feitos reais. Moi ben ambientada tanto en deseño de produción, coma en fotografía e música pero que ten o estigma de que non se quita nunca de enriba o de “baseado en feitos reais”.

Dirixida con bastante bo facer polo canadense Jean-Marc Vallée que xa saltara ao panorama internacional no 2005 con “C.R.A.Z.Y”, unha interesante película premiada en Xixón que mesturaba adolescencia e descubrimento da sexualidade con música dos Rolling Stones e Pink Floyd de fondo. En “Dallas Buyers Club” conta tamén cunha boa selección musical onde colabora Jared Leto co seu grupo “30 Seconds to Mars”, pero do amplo repertorio da época destaca a música dos T-Rex, xa que a personaxe de Rayon (Jared Leto) está obsesionada con Marc Bolan, cantante do grupo T-Rex, ata o punto de ter un parecido máis que razoable. Unha película sobre unha época convulsa onde o SIDA era unha das enfermidades máis temidas e descoñecidas a través dunha historia de dignidade fronte aos intereses económicos dos poderosos. Unha boa elección na carteleira deste fin de semana.

Comentarios