Crítica de cinema: cruzamento de camiños

Na crítica de cinema desta sexta feira, toca a quenda de The Place Beyond The Pines, un filme de Derek Cianfrance.

The-Place-Beyond-The-Pines-23
photo_camera Unha imaxe do filme

CRUZAMENTO DE CAMIÑOS
Título Orixinal: The Place Beyond the Pines
Ano: 2012
Duración: 140 min.
País: Estados Unidos
Director: Derek Cianfrance
Guión: Derek Cianfrance, Ben Coccio, Darius Marder
Música: Mike Patton
Fotografía: Sean Bobbitt
Reparto: Ryan Gosling, Bradley Cooper, Eva Mendes, Dane DeHaan, Emory Cohen, Ray Liotta, Rose Byrne, Bruce Greenwood, Ben Mendelsohn

SINOPSE
Luke (Ryan Gosling), un experto motorista que traballa facendo espectáculos circenses coa moto de cidade en cidade, trata de recuperar a Romina (Eva Mendes), antigo amor cando se enteira que tivo un fillo dela hai un ano. Toma a decisión de deixar o seu traballo itinerante para se asentar na cidade, buscar traballo e tratar de recuperala. Pero no ano que estivo ausente pasaron moitas cousas e terá que aceptalas ou loitar por cambialas.


CRÍTICA

Segunda longametraxe de Derek Cianfrance dous anos despois do drama de baixo presuposto “Blue Valentine”, onde tamén contara con Ryan Gosling, e que acadou éxito de crítica e público. Aínda que agora con algo de máis presuposto e xa con actores de renome, en “Cruce de camiños” Cianfrance non se separa moito da liña que marcou coa súa primeira obra afianzándose así coma un dos directores de cinema independente con maior proxección da actualidade.

O título orixinal ten pouco que ver co que lle puxeron na tradución, que coincide co mesmo nome daquel filme que rodou Walter Hill en 1986 con Ralph “Karate Kid” Macchio que tiña un memorable duelo de guitarras co virtuoso Steve Vai. Pero supoño que quixeron deixar claro que era unha película de historias cruzadas e o certo é que, salvando as distancias, a película lembra un pouco a “Crash” (2004, Paul Haggis). Polo das historias cruzadas, pero tamén polo uso de música minimalista e filmación “cámara en man”. Porén diferénciase sobre todo en que na película de Cianfrance as historias sucédense cronoloxicamente.

Estamos ante unha boa película de historias cruzadas que fala das decisións da vida e de que non sempre hai segundas oportunidades

É mellor non saber moito da trama porque é desas que se gozan mellor ao ir descubrindo a historia a medida que vai pasando, así que tratarei de dar apenas unhas pinceladas. Comeza co bon de Gosling facendo de malote con moto que se mete en leas por tratar de recuperar unha antiga moza que deixou preñada hai un ano. A pesar de que o fillo é del, ela xa ten unha familia e unha vida propia. O arrepentimento do protagonista por non quedarse no momento faino aferrarse á idea de que aínda está a tempo de redimir os seus pecados e así poder formar unha familia e levar unha vida normal. Porén xa é demasiado tarde e, sendo un home de poucos recursos, comeza a tomar decisións precipitadas que non farán máis que empeorar a situación. Continúa coa historia dun policía casado, e cansado da vida familiar, ao contrario que a outra historia, que por mor dunha má decisión acaba complicándose á vida ata cotas insospeitadas perigando mesmo a súa vida. E remata coa terceira historia dun mozo nun instituto que ten que lidar co seu pasado e tamén tomar decisións difíciles. Todo unido cun mesmo fío condutor: a perda, a familia e a busca da redención ante decisións da vida das que é case imposible redimirse ou rectificar. Todos queren facer as cousas ben, pero cando queren tomar esa decisión xa non é tan doado desfacerse dos lastres do que se fixo e co que teñen que cargar cal pesada rémora ideolóxica.

A trama inicial pode levar a pensar que é algo ao estilo de “O diario de Noah”, pero non. Aquí aparece o punto de realidade da que carecía aquela bonita historia romántica. Con respecto aos actores, Gosling fai un bo papel, pero corre o risco de acabar encadrándose en papeis de tipo misterioso de mirada intrigante. A historia particular na que sae Gosling é a máis lograda das tres, pero Bradley Cooper fai un mellor papel en conxunto. Nótase unha evolución da personaxe completa e constrúe unha personaxe que nos cremos desde o primeiro momento. Un bo traballo interpretativo con visos de levarse algún que outro premio. Aínda que a película faise algo larga nas case dúas horas e media de película e decae bastante cara nos achegamos ao final, estamos ante unha boa película de historias cruzadas que fala das decisións da vida e de que non sempre hai segundas oportunidades. Deixa no ar a dicotomía de se é mellor afrontar as más decisións e seguir adiante ou non renderse e tratar de loitar contra elas para tratar de arranxalas. É un filme para gozar dunha dirección moi por riba da media, destacando por encima de todo unhas extraordinarias secuencias de moto que xa lles gustaría aos de Fast&Furious.

Comentarios