Crítica de cinema: 'Ao fío do mañá'

‘Edge of Tomorrow’ é a achega que debulla para Sermos Galiza o noso colaborador Andrés Castro. Un filme para gozar de video-xogo en pantalla grande.

edge-of-tomorrow

SINOPSE

A raza humana loita con todo o que ten para evitar a destrución total tras unha invasión alieníxena. O Comandante William Cage (Tom Cruise) é enviado á fronte nunha misión suicida para intentar recuperar Europa. Tras morrer aos poucos minutos de desembarcar esperta novamente na base repetindo o mesmo día unha e outra vez cada vez que o matan. Coa axuda de Rita Vrataski (Emily Blunt), considerada a mellor soldado do mundo, tratará de encontrar resposta a este extraordinario don ao tempo que tratan de salvar á humanidade.

CRÍTICA

Chega a tomcruisada do ano. Tom Cruise acostuma xa desde hai tempo a agasallarnos coa súa presenza nos cinemas polo menos unha vez ao ano. “Noite e día” (2010), “Misión imposible 4” (2011), “Rock of Ages” (2012) e “Oblivion” (2013). Repite pois no xénero da ciencia ficción… pero se en “Oblivion” baseábase nun cómic do propio director Joseph Kosinski, aínda que máis ben era unha copia da xenial “Moon” (2009, Duncan Jones) inxectada de esteroides e adrenalina, desta volta “Ao fío do mañá” americaniza o manga “All you need is kill” de Hiroshi Sakurazaka. A pesar de estar baseado nunha banda deseñada xaponesa non hai apenas referencias á estética nipona, salvo pola espada tipo “Final Fantasy” da protagonista, á que chaman cariñosamente Full Metal Bitch, e tamén por certa maquinaria biónica, moi do gusto dos nipóns. A historia acontece nun futuro próximo onde hai unha invasión alieníxena. O oficial Cage (Tom Cruise), por covarde, é degradado e mandado á fronte. Morre apenas pon o pé na praia onde desembarcan pero de súpeto esperta ao principio do día mantendo o recordo de todo o que lle aconteceu. Morre e volta a espertar no mesmo momento, así todos os días. Iso si, cada día avanza un pouco máis na praia e intenta cosas novas para tratar de sobrevivir ao tempo que busca esclarecer tal extraordinario suceso. Nunha destas topa coa mellor soldado do planeta, Rita Vrataski (Emily Blunt), que parece saber o que lle está pasando a Cage. Como era de esperar, tratarán de salvar á humanidade. Unha trama que lembra moito a “Atrapado no tempo” (1993, Harold Ramis), iso si, pasada polo baruto de “Starship Troopers” (1997, Paul Verhoeven), con toques a “Matrix Revolutions” (2003, Wachowski Bros.), referencias ás fazañas bélicas da Segunda Guerra Mundial e con lugar, incluso, para a mitoloxía grega, no mito de Casandra (sacerdotisa de Apolo que podía ver o futuro pero ninguén cría os seus prognósticos). Un popurrí difícil de encaixar pero que acaba funcionando como puro entretemento. Cruise desta volta mantense á marxe da produción e limítase ás tarefas de promoción que se lle da tan ben. E coma sempre, corre, mata, sufre, pon cariñas e mostra o sorriso profidén en pantalla. Mola moito ver como a personaxe de Tom Cruise morre unha e outra vez, a cada cal máis graciosa, aínda que se bota en falta algo máis de orixinalidade en algunha ocasión e hai quen di que non morre as veces suficientes. Ao marxe de filias e fobias sobre o líder da ciencioloxía, a película é puro espectáculo visual con todos os ingredientes da ciencia-ficción, traxes mecánicos, naves, alieníxenas e unha trama onde se mestura o espazo-tempo. Moi bos efectos especiais, excelente factura e á fronte de todo isto Doug Liman (“O caso Bourne”, “Sr. e Sra. Smith”) un director con certo estilo pero cada vez máis acomodado na industria ianqui. Sen nada que destacar, cumpre co que ten con bastante solvencia, e non se lle pode pedir máis. Película que entretén, que é do que se trata, porén é mellor non tratar de afondar moito nalgún punto do guión porque senón a cousa cae coma un castelo de naipes. Moito mellor deixarse levar para poder gozar dun videoxogo en pantalla grande onde nós somos o boneco (Cruise) e vamos superando fases ata chegar ao monstro do final. Se logramos vencer poderemos volver a xogar en modo experto. Oullea!

Título orixinal: Edge of Tomorrow

Ano: 2014

Duración: 113 min.

Nacionalidade: Estados Unidos

Director: Doug Liman

Guión: Christopher McQuarrie, Jez Butterworth e John-Henry Butterworth

Fotografía: Dion Beebe

Música: Christophe Beck

Reparto: Tom Cruise, Emily Blunt, Brendan Gleeson, Bill Paxton, Charlotte Riley, Lara Pulver, Jonas Armstrong, Tony Way, Terence Maynard, Noah Taylor, Franz Drameh, Dragomir Mrsic, Marianne Jean-Baptiste

Comentarios