Crítica de Cinema: "Amence en Edinburgo", un filme que contaxia alegría

"A película da tempada que fai sentir ben", reza o cartel do filme. O noso crítico Andrés Castro achéganos a Sunshine on Leith de Dexter Fletcher. "Contaxia alegría e divirte", conclúe o crítico. 

.
photo_camera .

Título: Sunshine on Leith
Ano: 2013
Duración: 100 min.
País: Reino Unido
Director: Dexter Fletcher
Guión: Stephen Greenhorn
Fotografía: George Richmond
Música: Paul Englishby e The Proclaimers
Reparto: Peter Mullan, George MacKay, Antonia Thomas, Freya Mavor, Jane Horrocks, Kevin Guthrie, Jason Flemyng, Robert Yates

SINOPSE

Davy (George MacKay) e Ally (Kevin Guthrie) retornan a Edinburgo tras cumprir o servicio militar en Afganistán. Ally continúa a súa vida xunto a súa noiva Liz (Freya Mavor) que é a irmá de Davy, quen a súa vez comeza unha relación con Yvonne (Antonia Thomas), unha inglesa que traballa coma enfermeira no mesmo hospital que Liz. Todo pinta ben ata que Rab (Peter Mullan), o pai de Davy e Liz, recibe unha inesperada carta que ameaza con destruír a idílica situación.

CRÍTICA

O cartaz do filme reza un curioso: the feel-good film of the year, algo así como que é a “película da tempada que fai sentir ben”. Perdinme algo? Dende cando se creou tal categoría? Semella un anzol algo rudimentario pero a curiosidade cinéfila fíxome acudir de cabeza á unha das poucas salas onde a proxectan. Resulta que é un musical. Veña pois...

"Hai un cheiro a clásico musical que efectivamente fai sentir ben, tal e como di a publicidade do cartaz"

A cousa comeza xa cunha canción dentro dun carro de combate. Un inicio a

lgo titubeante no que se solapan momentos musicais (algo forzados) con diálogos e trama familiar un pouco levada con pinzas. Pero de súpeto unha divertida escena musical nun pub a cargo de Robert Yates, seguida doutra gran escena coa poderosa voz augardentosa de Peter Mullan fai que a cousa cambie e méteme de cheo na historia. Case hora e media que me transportou a outras épocas cando o cinema era puro divertimento. Certo que a historia non resalta pola súa orixinalidade, podería encaixar en calquera película para televisión dun martes pola tarde, e os momentos musicais son un tanto improvisados, pero hai un cheiro a clásico musical que efectivamente fai sentir ben, tal e como di a publicidade do cartaz. 

A pesar de que custe un pouco meterse no filme, pódese comparar con eses compases previos dunha festa nos que non nos atrevemos moito a mover os pés, pero que pasadas as tres primeiras cancións xa entramos en situación. Está baseada nun musical sobre as cancións de The Proclaimers escrito por Stephen Greenhorn no 2007 e adaptado por el mesmo á gran pantalla. Un musical con tódolos tópicos do xénero: amizade, amor, humor, felicidade, drama familiar, desamor e, por suposto, un final feliz deses que deixan cun sorriso permanente.

"Contaxia alegría e divirte, e iso hoxe en día non o poden dicir moitos cineastas. Non vos sorprendades se saídes da película cantaruxando".

Tódalas cancións son do grupo escocés formado polos irmáns Reid, que tamén teñen un breve cameo. Cancións que van dende Sunhine on Leith, que da nome ao título orixinal, pasando por Letter From America, Should Have Been Loved, Oh Jean e a famosa I’m Gonna Be (500 miles). Conta cun reparto de actores escoceses, importante para o acento, onde destaca Peter Mullan (Riff-Raff, Trainspotting), como o pai de familia, e a xovencísima Freya Mavor, como a filla enfermeira con gañas de ver mundo. Algún secundario que non pinta moito, como o rol de Jason Flemyng (A liga dos homes estraordinarios, O curioso caso de Benjamin Button), e algunha voz algo desafinada, pero en xeral ten un plantel ben simpático.

Supoño que a falta de academismo e precisión antóllase premeditada para que se conecte mellor cas personaxes e parezan máis humanas e cercanas. Supón o segundo traballo de Dexter Fletcher tras o prometedor debut no 2011 de Wild Bill, que levou o Premio da Xuventude no Festival de San Sebastián. Amence en Edinburgo contaxia alegría e divirte, e iso hoxe en día non o poden dicir moitos cineastas. Non vos sorprendades se saídes da película cantaruxando.

Comentarios