DiversidArte está organizado pola asociación Poten100mos.org

Cristina de la Puente: "Tratamos que o público entenda que todas somos diversas"

O festival decorre na Coruña desde o 18 de setembro até o 2 de outubro, cada sexta feira e cada sábado con cinema, actuacións e talleres.
poten100mos - 3
photo_camera poten100mos - 3

Que papel ten DiversidArte dentro das actividades que realiza Poten100mos?
Aínda que no traballo conxunto da asociación, DiversidArte é importante, o noso día a día ocúpano os programas de inclusión básica, transición ao emprego... Para persoas vulnerábeis por circunstancias físicas, psíquicas ou sociais. Basicamente, facemos traballo de campo na inclusión. Mais, se ben o festival non é o noso traballo diario, senón puntual, durante o ano é moi importante para promover o cambio social, amosando o que facemos desde dentro coas persoas que participan nos programas. Grazas a DiversidArte dáse a coñecer a asociación e todo o traballo que hai detrás, visibilizamos unha problemática social na busca dunha integración real.

Como nace o festival? Como foi a súa primeira edición?
En Poten100mos, para lograr os nosos obxectivos, precisamos traballar en rede con moitas outras entidades sociais, locais... Así que DiversidArte nace como parte desa unión de diversidades, de diferentes colectivos representados por artistas, traballadoras da inclusión, entidades sociais... No primeiro ano realizamos, en total, 13 exposicións en diferentes bares e restaurantes da cidade e, xa desde aí, pensamos no festival como unha festa da diversidade no sentido máis amplo posíbel e, por iso, sempre tratamos que o público entenda que todas somos diversas e que a confección da normalidade é moi relativa.

Se falamos de ‘normalidade relativa’, como vai ser esta edición a nivel organizativo?
Desta vez dividimos o festival en cinco xornadas a desenvolver en diferentes espazos para, precisamente, non acumular moito público. Como noutras edicións, traemos propostas moi variadas, como o concurso DiversimaCine que se proxecta no CGAI (Centro Galego das Artes da Imaxe) os días 18 e 25, actuacións e obradoiros no Mercado de Santo Agostiño os días 19 e 26, e o remate é coa gala e a estrea da nosa obra de teatro metaMorfosis, que a realizamos a través da convocatoria de cultura inclusiva da Fundación Emalcsa (Empresa Municipal de Augas da Coruña). Como no CGAI non se pode reservar, a entrada será por orde de chegada para poder manter as normas de seguridade. Para os demais eventos haberá reserva e, unha vez que estea feita, enviamos unha confirmación co nome, xa que se trata de reservas intransferíbeis, para poder ter localizadas todas as persoas que van estar no mesmo evento. A capacidade limitámola por debaixo do 50%, para que as persoas en situación vulnerábel se sintan máis seguras ao acudiren aos actos. E ademais, as actuacións vanse retransmitir en directo a través das nosas redes, Facebook e Instagram.

Cal esperan que sexa a resposta do público, á vista da recibida nas anteriores edicións de DiversidArte?
Sempre quedamos moi contentas porque os eventos sempre se enchen, e os comentarios que recibimos, sexan das exposicións ou sexan das actuacións, adoitan ser moi bos. O que pretendemos é facer un festival interdisciplinar, e para iso temos que traballar entre todos os colectivos, porque estamos a falar dun evento dirixido, non só a estes colectivos, senón ao público en xeral. Todo se coida con moito mimo para que poida tratarse dunha proposta cultural máis, sen mirar quen son os e as artistas que participan, aínda que a unión destes colectivos fai unha diferenza tamén no propio festival. O bonito é picar a curiosidade da xente, ver a calidade das propostas artísticas que hai en todo o festival.

Comentarios