Cristina Pato coprotagoniza un documental que se estrea na 'Berlinale'

'The music of strangers' trata sobre o cellista Yo-Yo Ma e o 'Silk Road Ensemble', á que pertence a gaiteira ourensá. Boa parte do filme foi gravado en Galiza. Tráiler no interior

cristina pato gaita
photo_camera Fotograma do filme en Estambul (Participant Media)

A gaiteira e artista ourensá Cristina Pato presenta a vindeira segunda feira, 15 de xaneiro, o documental 'The Music of Strangers: Yo-Yo Ma and the Silk Road Ensemble', traballo dirixido por Morgan Neville -gañador dun Oscar- e que conta a historia deste colectivo musical do que fai parte a música galega. A través do filme podemos seguir a vida, experiencias e exploracións creativas dos membros do conxunto. Na parte que se centra en Cristina Pato, o traballo trata dos valores da cultura e identidade galega. O filme, que dura 96 minutos, retrata a Cristina Pato no seu ambiente en Galicia. Nel poderemos ver imaxes da zona vella de Ourense e Santiago, Armariz (Nogueira de Ramuín) ou do campamento romano Aquis Querquennis de Bande. Ademais da súa familia, aparecen outros personaxes da cultura e da música galega.

Première en Europa

O documental, seleccionado coma unha das tres proxeccións especiais da 66ª edición da Berlinale, amosarase o 15 de febreiro no Friedrichstadt-Palast, o teatro máis grande do festival. Cristina acudirá a esta proxección especial, xunto cos seus compañeiros de Silk Road Kinan Azmeh e Kayhan Kalhor. 'The Music of Strangers: Yo-Yo Ma and the Silk Road Ensemble' estrearase en cines de todo o mundo da man de The Orchard en xuño de 2016, seguido dunha estrea televisiva na cadea norteamericana HBO.

The Silk Road Ensemble

Nos últimos 15 anos Yo-Yo Ma xuntou arredor de si un extraordinario grupo de músicos. Chamado así pola antiga ruta que enlazaba Asia, África e Europa, The Silk Road Ensemble é un colectivo internacional que ilustra a capacidade da música para desdebuxar as fronteiras xeográficas e fundir culturas dispares.  Definido polo Wall Street Journal como “vibrante e virtuoso” e como “un dos máis grandes ensembles do século XXI” polo Vancouver Sun, está composto por intérpretes e compositores de máis de 20 países.  Entre eles, Cristina Pato, aclamada polo New York Times como “unha virtuosa explosión de enerxía” e por The Wall Street Journal como “un dos mestres vivos da gaita”. A gaiteira, pianista e compositora, ademais de emprendedora cultural, disfruta dunha activa carreira profesional dedicada á música popular galega, a música clásica e o jazz, e a súa carreira dual tena levado aos principais escenarios de toda Europa, EEUU, India, África e China.

Comentarios