PENSAR A GALIZA POS-COVID

Cristina Domínguez: "A crise, en realidade, destapou todas as debilidades do sistema capitalista"

Cristina Domínguez ten unha longa carreira como directora de escena. Ligada a compañías como Factoría Teatro, Abrapalabra ou Emedous, puxo en pé montaxes tan recoñecidas como O tío Vaina (2004), O regreso ao deserto (2006), Kafka e a boneca viaxeira (2012) ou As do peixe (2013). De 2006 a 2009 dirixiu o Centro Dramático Galego e, desde entón, imparte aulas na Escola Superior de Arte Dramática da Galiza, onde agora ocupa o cargo de vicedirectora. Estes días, prepárase para intervir no I Congreso Internacional de Teatro Galego, onde impartirá unha conferencia sobre "os desafíos da poscrise".
Cristina Domínguez
photo_camera Cristina Domínguez

Durante o confinamento medrou moito o consumo cultural. Cre que iso pode incidir nunha maior valoración da actividade cultural?

En xeral, o que houbo foi máis tempo, e tendo máis tempo podes facer cousas que na vida diaria quizais non fas por cansazo, por compromisos ou polo que sexa. Deuse unha situación na que a xente podía facer cousas co seu tempo que antes non podía e iso redundou, efectivamente, nun maior consumo cultural. Que se manteña ou non vai depender de moitas cuestións, entre outras de se é máis ou menos gratuíto, ou se vai ter uns prezos alcanzábeis. En realidade, penso que aínda estamos no medio de pandemia e que hai cousas que se nos escapan. Parece que todo o mundo se sentiu cómodo cun maior consumo de produtos culturais: penso que a todas nos gustou ter tempo libre e poder dedicarllo a cousas que antes non faciamos por diversos motivos. Creo que iso si puido propiciar que o público se decatase de que a cultura non é só ocio, que é algo que enriquece a túa vida. Mais agora mesmo aínda hai moitos condicionantes para asistir a actividades culturais ao vivo: para ir ao teatro, ao cine, a unha exposición… e quizais non é o momento para saber que vai pasar no futuro próximo. Por moitas ganas que teñamos de volver a unha certa aparencia de normalidade, o certo é que aínda estamos no medio do cataclismo.

A percepción no mundo da cultura, efectivamente, é que "hai ganas" de volver gozar das actividades ao vivo, dos espectáculos.

Si, claro: hai ganas de saír, de socializar, de comunicarse… Penso que imos cara a unha sociedade moi diferente que se vai mover entre dous polos. Por unha banda, o consumo cultural doméstico, online, ou como queiras chamalo, que demostrou que pode encher moitas das expectativas do público. Unha parte da produción cultural vai ter que ir por aí, e non me parece mal que sexa así sempre que saibamos como achegarnos a ela como algo enriquecedor que transcende o puro entretemento. Por outra banda, precisarase aínda máis o encontro cultural fóra da casa, como unha forma de socialización que proporciona outro tipo de experiencia, unha gratificación extra que ten que ver co encontro cos outros.

Iso probabelmente precisará de novas fórmulas por parte dos xestores e dos creadores culturais para tratar que ambas as modalidades se equilibren.

Si, supoño que haberá unha maior especialización entre os creadores. E tamén penso que non vai ser só unha cuestión do audiovisual, sen máis. Seguramente a experiencia da cultura desde a casa deberá ter en conta a vontade de participación do público, que seguramente se manifestará dun modo ou doutro. Hoxe xa o podemos percibir nas redes sociais, mais creo que non vai quedar aí, que as posibilidades de participación desde os fogares terán que ampliarse dalgunha forma. O contacto e a participación daranse doutra forma que agora non coñecemos, mais atoparase a maneira de conseguilo. E iso non é incompatíbel con que a xente saia cando toque, igual que saíu este verán e encheu as actividades que se fixeron ao aire libre ou nos auditorios, porque a necesidade de encontro real tampouco vai desaparecer.

Sería preciso que as Administracións deseñasen políticas e estratexias que abran paso a esas novas fórmulas de difundir a creación cultural. Cres que existe na Galiza esa posibilidade?

Non o creo, porque é algo moi complexo. Para empezar, hai que saber deseñar políticas e non todo o mundo sabe. Mais sobre todo, hai que ir por diante da sociedade e as Administracións están demasiado enleadas nas súas burocracias e protocolos para levar o día a día, non teñen suficiente persoal e, sobre todo, non teñen xente capacitada para deseñar políticas que presenten validez no futuro, políticas para implementar dentro dun ano, dous ou vinte. Hai que pararse e ver o que nos rodea para prever o que vai suceder no futuro, e as sociedades que sexan quen de facelo serán as que marquen as liñas de forza na cultura. Sempre foi así, e quizais hoxe máis que nunca hai que aprender a ir por diante. 

A pandemia destapou todas as debilidades do sistema cultural galego.

En realidade, destapou todas as debilidades do sistema capitalis - ta [risas]. Aquí ninguén aguanta tres meses de inactividade.

A entrevista na íntegra podes lela no Nós Diario en papel ou na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes facelo aquí: http://bit.ly/3hCH3Qu

Comentarios