A crise polo coronavirus afecta xa 20 proxectos audiovisuais galegos e xera perdas de 3 millóns de euros

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) reclama medidas económicas "consensuadas" coas administracións públicas para "paliar" as consecuencias.

A Mesa lanzo pipocas esta cuarta feira (Foto: Nós Diario).

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) estimou que a crise sanitaria derivada da propagación do coronavirus implica perdas de máis de 3 millóns de euros que afectan 20 proxectos do sector audiovisual na Galiza.

A través dun comunicado, a entidade detallou que as longametraxes de ficción foron os traballos máis afectados por unha situación que, segundo apuntou, tamén prexudicou a documentais, curtametraxes e series.

En concreto, a asociación indicou que as rodaxes xa iniciadas paralizáronse "na súa totalidade", mentres que as que non comezaran tiveron que se pospoñer. Ademais, sinalou que a suspensión de festivais cinematográficos interrompeu "a exhibición e distribución de películas que xa contaban con seleccións e confirmacións de estrea".

Da mesma forma, a chegada ás salas de cinemas de 'Lúa Vermella' de Lois Patiño, estreada no Festival de Berlín; e 'A illa das mentiras', dirixida por Paula Cons e distribuída por Filmax; tamén foi suspendida. Mentres, Agapi apuntou que a data de estreno de 'María Soliña', dirixida por Ignacio Vilar, fixada para o vindeiro 15 de maio, sitúase na "corda frouxa".

Adicionalmente, as proxeccións da longametraxe 'O que arde' e a comedia audiovisual 'Eroski paraíso' interrompéronse debido ao peche das salas de cinema.

A asociación tamén resaltou que o financiamento de proxectos conxelouse "en moitos casos" e alertou de que as propostas do sector audiovisual galego independente para 2020 acumulan perdas medias de 16 por cento do seu orzamento.

Así, sinalou que, ante o "reto" que supón conseguir apoio económico para proxectos independentes, os seus impulsores "viven con moita frustración a situación de incerteza financeira".

Comentarios