A crise imponse nos María Casares cos premios a "Eurozone" e "As do peixe"

Crise da zona euro e crise do sector da conserva. “Eurozone” de Chévere con catro premios, entre eles o de mellor espectáculo, e “As do peixe” de Abrapalabra con tres foron as grandes triunfadoras nos Premios María Casares da Asociación de Actores e Actrices de Galiza. 

Foto: Olalla Lojo/AAAG
photo_camera Foto: Olalla Lojo/AAAG

De non ser por algunhas das intervencións e polos temas que levan a escena as obras gañadoras, nada faría pensar que o teatro está a atravesar un momento difícil dada a enerxía e o entusiasmo que pairou polo escenario do Rosalía de Castro, teatro no que se celebrou a gala anual de entrega dos Premios María Casares. 

Convertido nun enxeñoso furancho rexentado polas actrices Isabel Risco e Marian Bañobre e coa música ao vivo de Radio Cos sobre as táboas, formando parte do elenco do espectáculo, o teatro da Coruña acolleu máis unha vez o encontro anual de profesionais da escena para a entrega duns premios que recoñeceron de maneira especial dous espectáculos. “Eurozone” de Chévere, que partía con doce nomeamentos, foi considerada a mellor obra do ano e nela recaeron tamén os premios á escenografía, para Javier Domingo Ballestín, iluminación, Fidel Vázquez e actriz secundaria para Patricia Lorenzo. Das cinco candidaturas coas que saía “As do peixe” conseguiu tres, a de mellor dirección para Cristina Domínguez, mellor texto orixinal para Cándido Pazó e mellor actriz protagonista para Susana Dans. Carlos Mosquera “Mos” pola música e César Goldi como actor secundario déronlle dous premios a “Bye Bye Honey” de Obras Públicas-Abrapalabra mentres Josito Porto conseguía recoller o de mellor actor por “As mil vidas de Matías Houseman” de Teatro do Adro. Xosé Manuel Pazos á mellor adaptación-tradución por “A Charca Inútil” de Teatro do Atlántico, Uxía P. Vaello polo vestiario de “Waltz” de Voadora e Trini Silva pola maquillaxe de “Cést la vie” de Matrioskha Teatro completaron a foto de familia na recollida das xarras coa imaxe da actriz nacida na Coruña que trunfou no seu exilio en París. 

A urxencia do teatro en tempos de crise, os vivas á profesión e a necesidade de non confundir á realidade coa ficción, un erro favorecido pola usurpación da profesión por parte de quen cobra por ocupar cargos públicos foron algúns dos motivos que se repetiron no momento dos agradecementos. O máis insistente, un “si ao aborto libre” no que teimaron boa parte das mulleres premiadas, entre elas, Cristina Domínguez e Patricia de Lorenzo. 

Na súa estrea nos María Casares como presidente da AAAG, Avelino González decidiu dedicarlle o seu discurso ao público. “Ninguén nos pode reprochar que os vosos soños e os vosos problemas son as nosas fontes de inspiración. Collemos esa inspiración para devolvervos arte”, dixo González. 

Darlle a volta 

Se o mundo do teatro chama un crítico para ler o seu manifesto “é que é o momento de darlle a volta a todo”, ironizou Camilo Franco no inicio dun discurso no que tamén afirmou que “o mundo é tan teatral que o teatro tiña que ser obrigatorio”.  Definiuno como “arma de organización masiva” coa que se pode mesmo “atopar un final feliz” e, por iso, Franco defendeu que “non é imaxinábel nada máis útil que o teatro”. 

O premio de honra Marisa Soto outorgado a título póstumo ao actor Xosé M. Olveira, Pico, concitou o momento máis emocionante da gala. O teatro en pé coas palmas máis alongadas da noite recibiu ao fillo do actor, Pablo para entregarlle o premio honorífico con toda a directiva da AAAG sobre o escenario. O fillo de Pico lembrou o feliz que a seu pai o tiña feito a profesión de actor. 
A homenaxe de Cándido Pazó a tantas mulleres traballadoras, pesonalizado na súa irmá Laura Pazó de quen lle chegou a dura condición das fábricas con man de obra feminina converteuse tamén nun dos discursos máis intensos do acto de entrega de premios.  “Por todas as mulleres que nos abriron o corazón e por toda a xente do teatro ,e non só, que non o está pasando ben”, dixo a directora Cristina Domínguez levando de novo á escena a crise que recollen na súa obra.

A TVG emitiu a gala por volta de medianoite, cando xa o Día do Teatro chegara ao seu fin, catro horas despois de que os premios se comezaran a entregar no Teatro Rosalía de Castro. 

Comentarios