Teatro

Crise ecolóxica con humor biodegradábel

Ibuprofeno Teatro estrea esta sexta feira 31 de xaneiro no Teatro Principal de Compostela o seu último espectáculo. O mel non caduca coloca baixo os focos unha reflexión sobre a crise ecolóxica poliédrica e irónica, que cunha colaxe de linguaxes salta do cru ao poético construíndo unha alegación urxente pola necesidade de repensarmos o noso modo de vida baixo as lóxicas do consumo. Do realismo ao onírico, sen excesivo catastrofismo, as abellas son a escusa para analizarnos como especie, con altas doses
de humor acedo e crítica sen bálsamos.
Omelnoncaduca02
photo_camera O mel non caduca

"Un espectádulo biodegradábel e ecosostíbel" é a premisa baixo a que Ibuprofeno Teatro presenta o seu novo traballo: O mel non caduca. A obra afonda as raíces na realidade, situando o foco nunha problemática que nos últimos anos tomou corpo na axenda mediática, mesmo chegando a se pór un pouco de moda. Porén, a súa obsesión co tema vén de lonxe.

O mel non caduca é o resultado dun longo proceso creativo, que naceu da investigación de cuestións arredor "do cambio climático, da obsolescencia programada, do consumismo, dos efectos nos hábitos das persoas ou da relación do ser humano cos obxectos", conta Santiago Cortegoso, o director desta dramaturxia colectiva.

Naceu da investigación de cuestións arredor "do cambio climático, da obsolescencia programada, do consumismo, dos efectos nos hábitos das persoas ou da relación do ser humano cos obxectos", conta Santiago Cortegoso, o director desta dramaturxia colectiva

Documentais, libros e obradoiros sobre creación escénica serviron de base para comezar a traballar a temática, até que en abril de 2019 arrincaron os ensaios e probas con intérpretes, coreografía, escenografía e improvisacións. A partir de aí, Cortegoso elaborou o texto sobre o que se desenvolvería a montaxe que Avelino González e Marián Bañobre defenden sobre as táboas do Teatro Principal esta sexta feira 31 de xaneiro.

Abellas, metáfora perfecta

Afastándose premeditadamente dunha perspectiva "tan documental ou divulgativa", quixeron tratar a ameaza ecolóxica "desde un punto de vista máis poético". Así, a apicultura e as abellas agromaron como unha metáfora perfecta. Cortegoso sinala que "malia seren uns insectos aos que habitualmente non se lles dá moita importancia, resultan fundamentais" nos ecosistemas. O perigo que corren ten ademais moita presenza na Galiza, cun sector en crise por moitos factores, coa contaminación como unha das principais inquietudes. A posta en escena da función pivota sobre as colmeas e o material de apicultura, nun crebacabezas no que os propios intérpretes transforman o decorado movendo os diferentes elementos que o compoñen.

Afastándose premeditadamente dunha perspectiva "tan documental ou divulgativa", quixeron tratar a ameaza ecolóxica "desde un punto de vista máis poético"

O universo apícola leva tamén o peso nas dúas tramas principais que entrecruzan dous momentos temporais. Unha trasládanos ao futuro distópico de 2173, no que dous científicos intentan recuperar os ciclos naturais creando unha abella a partir do derradeiro tarro de mel existente. Esta historia "absurda e surrealista", que dexenera nun "universo clown", pon en evidencia con ironía, no ronsel dese humor acedo e crítico que caracteriza Ibuprofeno, unha situación na que a natureza devastada cumpre as peores predicións científicas do noso tempo.

En contraposición, a outra liña narrativa decorre fortemente apegada á realidade. Ambientada no presente, un irmán e unha irmá volven á casa da aldea após a morte da nai, obrigadas a lidar coas pertenzas familiares e as abellas, pois son apicultoras desde hai séculos. Unha trama coa que calquera se podería identificar, xa que é hoxe "algo do máis cotián", di Cortegoso. O éxodo e o desapego esbózanse no pano de fondo, co rural como ese universo do que "desconectamos" cometendo un erro.

A dramaturxia compleméntase con monólogos e diálogos, escenas xestuais e coreografías, nunha colaxe estética e de linguaxe. "É un espectáculo moi fragmentado", sinala Cortegoso, incidindo na necesidade de que as espectadoras constrúan activamente a mensaxe. Porque O mel non caduca mergúllanos en cuestións transcendentais da sociedade contemporánea, ofrecendo, como só a mellor arte fai, máis preguntas que respostas.
 

Comentarios