Crime, violencia e misterio no bairro compostelán de San Pedro

A Semana da Novela Negra, que terá lugar do 6 ao 15 de abril, ofrecerá charlas, obradoiros e proxeccións

diego ameixeiras
photo_camera Diego Ameixeiras [Foto: Xerais]

A Libraría Pedreira inaugura esta sexta feira a Semana da Novela Negra. O lugar do crime estará no seu local, sito no bairro picheleiro de San Pedro. O público poderá gozar con palestras, obradoiros, debates e presentacións nas que participarán, entre outros, as autoras Ledicia Costas, Elena Gallego Abad, Diego Ameixeiras, Jorge Emilio Bóveda ou Miguel Anxo Fernández. Homicidios, investigacións, sangue… O drama está servido.

Na sexta feira 6 de abril, ás 20 horas, será “Diseccionando a lingua”, unha conversa entre a profesora e escritora Teresa Moure, o profesor de portugués Xerardo R. Roca e Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. O sábado 7 de abril ás 12 horas fecharán a presente semana cun obradoiro infantil impartido pola autora Ledicia Costas arredor da súa novela Escarlatina, a cociñeira defunta.

“As segundas feiras / nunca / foron boas”, como escribe O Leo. Porén, pasan sempre máis lixeiras cunha Conversa con Frank Soutelo, detective de ficción que irá da man do seu creador, o escritor e crítico de cine Miguel Anxo Fernández. Será ás 20 horas do 9 de abril na mesma libraría Pedreira. Á mesma hora da terza feira 10 de abril haberá o encontro ‘Viñetas criminais’. Manuel López Poy, guionista das novelas gráficas O Fillo da Furia e Os Días do cometa, será o encargado de guiar esta aproximación ao xénero negro na banda deseñada galega.

O 11 de abril ás tamén 20 horas, o escritor Jorge Emilio Bóveda apresentará a súa nova obra As sete mortes de Leopoldo Pardo, editado por Xerais. Na quinta feira á mesma hora os autores Diego Ameixeiras e Héctor Cajaraville farán acto de presenza na libraría para conversar sobre ‘Tendencias dun xénero sen caducidade’.

Por último, a fin de semana chegará para poñer o broche de ouro coa apresentación de Codex Gigas (Tandaia edicións), na sexta feira 13 de abril, da man de Óscar Sánchez Fernández e Toño Carballal. O sábado 14 de abril, Elena Gallego e Héctor Cajaraville manterán unha conversa sobre As sete caveiras ás 12 horas. No mediodía do domingo 15 de abril, a sede do crime desprazarase até a Escola Unitaria para celebrar un ‘Vermú aniquilador’ de despedida, con proxeccións de cine negro e música de Libredón.

Comentarios