Un crebacabezas de espionaxe, volframio e submarinos nazis no Vigo dos anos 40

A novela gráfica 'Kartoffel' desprega o seu imaxinario sobre a presenza nazi no Vigo dos anos 40, entre os submarinos U-Boost e o negocio do volframio. Con documentos históricos e fotografías inéditas os irmáns Xosé e Ramón Trigo esbozan en branco e negro unha historia de espías e algún trazo paranormal.
Cadriños de 'Kartoffel'.
photo_camera Cadriños de 'Kartoffel'.

Os irmáns Trigo veñen de tirar do prelo a novela gráfica Kartoffel, un relato ambientado no Vigo de 1943, co pano de fondo dun país sumido na posguerra e unha Europa arrasada pola II Guerra Mundial, que saíu adiante grazas a un micromecenado que superou o mínimo exixido de 4.000 euros.

Unha primeira versión, co título Lobada, xa fora publicada en 2016 polo selo Caleidoscopio, após ficar finalista no Premio Castelao de Banda Deseñada, organizado pola Deputación da Coruña, dous anos antes. Porén, co acceso a novos materiais da época xurdiu a oportunidade de "mellorar a historia", explica Ramón Trigo, responsábel das ilustracións, co que ampliaron a trama e dobraron a extensión do libro, de 60 páxinas a case 120.lobada2

Foi por teima do seu irmán Xosé, o guionista, que se centraron na estancia dos nazis na ría de Vigo, unha presenza "significativa mais esquecida" que pretende incorporar a Galiza ao imaxinario da II Guerra Mundial, amosando a connivencia entre os réximes de Franco e Hitler. Así, Kartoffel fai referencia ao rótulo que, segundo os autores, os nazis escribían sobre o noso territorio no mapa, proxectando a súa utilidade no III Reich: producir patacas ('kartoffel'). Porén, tamén atoparon no país o chamado "ouro negro".

Kartoffel fai referencia ao rótulo que, segundo os autores, os nazis escribían sobre o noso territorio no mapa, proxectando a súa utilidade no III Reich: producir patacas

O contrabando de volframio, os espías de ambos os bandos e os submarinos alemáns (U-Boost) enmarcan un relato desencadeado por Reichführer Heinrich Himmler, xefe das SS, que asina en Berlín unha orde para que o axente Otto Ranh, especializado no mundo do máxico e do paranormal, se traslade a Vigo coa misión de facerse coa fórmula do remedio dunha curandeira local, aparentemente moi efectivo coas enfermidades venéreas dos enxeñeiros alemáns que traballan nas minas galegas.

Un argumento que enlaza coas actividades sobre ocultismo e crenzas antigas da Ahnenerbe –cuxo logo atoparemos por aí agochado–, a Sociedade para a Investigación e Ensinanza sobre a Herencia Ancestral Alemá, unha entidade pseudocientífica constituída en 1935 por dirixentes e ideólogos do Partido Nacionalsocialista.

A partir desta premisa constrúese un relato que procura inspiración na historia, mais que segue a súa propia senda ficticia afastándose, aliás, da narración lineal. "Os capítulos van en forma de puzzle, como recibimos a información de fotografías e documentos", explica Trigo. "Non queriamos darllo todo mastigado aos lectores e ás lectoras", engade.

O ataque dos lobos

Os submarinos nazis eran coñecidos como "mandas de lobos" –subtítulo da banda deseñada– pola súa forma de atacar, remedando a estratexia destes mamíferos, explica o ilustrador. Aliás, observa unha relación entre o volframio e os animais, que na denominación 'wolfram' contén a voz inglesa 'wolf' (lobo). Por outra banda, a xente que se botaba de noite ao monte para recoller o mineral actuaba tamén dunha maneira análoga.

Fondo documental

A novela gráfica non se limita a ofrecer unha narración, senón que pon a disposición do público unha serie de documentos históricos e fotografías inéditas que serviron de base para armar a trama. A súa inclusión contribúe a subliñar a veracidade do marco e a reforzar a complicidade co lector. Algúns deles, sobre todo imaxes, poden verse tamén –previa cita–, xunto a material gráfico e obxectos relacionados con el, nunha pequena mostra  no local da Madriña en Vigo, só até mañá.lobada3

Pensar en branco e negro

As fotografías antigas, dun empresario alemán que vivía pola zona de Vigo, foron unha fonte inestimábel de referencia para ilustrar esta novela gráfica. Ramón Trigo traballou en branco e negro, incapaz de imaxinalo doutro modo, seguindo esa "estética moi marcada" que asocia á época da II Guerra Mundial. O ilustrador ten unha carreira refutada por varios premios, como o Lazarillo e o Isaac Díaz Pardo a Leviatán (2014, Kalandraka) e o Cabildo de Gran Canaria a Eu vivía na fin do mundo (2007, Edelvives).

Vigo como escenario

Non é a primeira vez que o tándem dos irmáns Trigo encabeza un proxecto editorial. A súa achega máis recente, antes de Kartoffel, foi o cómic Ricardo Mella (2017) sobre a biografía do anarquista vigués, que tiña como pano de fondo fitos que marcaron o pasado século e influíron decisivamente na súa obra e pensamento –a Semana Tráxica de Barcelona, os disturbios da Mano Negra en Andalucía...

Anteriormente, O burato do inferno (2010, Kalandraka), aproximouse ás lendas dos raqueiros, os piratas de terra. Os tres traballos, e mais aquela edición previa de Lobada, conforman unha sorte de serie que ten por escenario a cidade olívica entre 1881 e 1943.

Comentarios