Na ría de Muros e Noia, a 240 metros do litoral de Esteiro (comarca de Muros) atópase a illa da Creba. Está formada por sete hectáreas que, desde 1922, están inscritas no concello veciño de Outes (comarca de Noia) como propiedade privada. A veciñanza de Esteiro (comarca de Muros) leva desde hai anos loitando e ocupando de forma pacífica esta illa que reclaman como ben público.
A Plataforma pola Recuperación da Illa da Creba declara que estes terreos levan máis de cen anos sendo vítimas de "irregularidades e aberracións" permitidas polo Goberno do Estado español e a Xunta da Galiza. Algunhas das máis destacábeis son a construción ilegal dunha vivenda, espigóns e rampla nos anos 80 que ocupan máis de 5.000 metros cadrados de terreo público. Ademais, o domicilio ilegal está anunciado en diferentes portais de alugamento como "A túa illa privada", facendo da Creba un espazo de explotación turística e só accesíbel a cambio dun custo.
O domicilio 'ilegal' etá anunciado en diferentes portais de alugamento
Os donos actuais manteñen que non está totalmente fechada ao público, posto que existe unha pequena área, o acceso e perímetro da illa, que si se pode visitar ao formar parte da área limitada pola Lei de Costas. A maior parte dos propietarios actuais, que son arredor de trinta persoas, pertencen ás familias Canay e Gerpe, orixinarias da Serra de Outes e descendentes da compostelá Penas Gerpe.
Durante a simbólica ocupación de 2022, denunciando os 100 anos de furto, a Plataforma recompilou diferentes probas de que os aparentes propietarios estaban a estragar un ben público. Algúns dos achados máis graves foron a repoboación do bosque da Creba con árbores non autóctonas da Galiza e inclusive invasoras, como o eucalipto, ou a pavimentación na primeira liña de costa. A veciñanza tamén denunciou que o dique de abrigo, que xa posuía unha sentenza de derrubamento, seguira aínda en pé. A veciñanza segue a loitar para acabar dunha vez co paraíso inigualábel de legalidades que é actualmente a illa da Creba.
Libros para loitar
Baixo o título de A illa da Creba. Un baldío comunal, a Fundación Galiza Sempre, Francisco Abeijón, autor do caderno, e a Asociación Cultural O Xeito pretenden concienciar sobre as ilegalidades da illa. O libro publicouse en 2022 coa intención de contribuír á loita pola recuperación da illa de Esteiro.
Lendas do lugar
Cóntase que na illa da Creba habitaba nun castelo a filla dun xefe mouro que pedía entre bágoas aos deuses pagáns unha solución para rematar coa vida dos cristiáns que mataran o seu pai e súbditos. Un trasno apareceu na súa axuda, mais a cambio pediulle que se puxese á súa disposición. A moza aceptou a comanda e un burato xurdiu do chan para tragar o castelo e aos cristiáns. Tras cumprir a súa parte da promesa, o trasno converteu a moura nunha serpe mariña xigante que segue a afundir os navíos que pasen moi perto destas costas. En noites de treboada aínda se escoitan os berros dos cristiáns asasinados.
A capela invisíbel
Cóntase que para protexerse da gran serpe asasina de homes, a veciñanza cristiá edificou unha capela dedicada a Nosa Señora da Creba e bendicir así a illa. Da capela non queda rastro ningún, mais as lendas din que nela habitaba un ermitán e que a edificación acollía diversas romarías na honra da virxe.