Creatividade e labor social vertebran a nova edición do Noia Harp Fest

‘Hibrys’, a obra do compositor arxentino Alejandro Civilotti gañadora do I Premio Portus Apostoli, estrearase o sábado 5 de agosto na Praza do Tapal da man da Real Filharmonía de Galiza.
Laoise Kelly.
photo_camera Laoise Kelly.

A décima edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, celebrarase do 3 ao 6 de agosto. O director do certame, Rodrigo Romaní, presentou onte un avance da programación do evento, que festexará os seus primeiros dez anos de vida poñendo en valor a creatividade e a extensión social da arpa. Así, o festival acollerá, entre outras propostas, a estrea absoluta de tres obras, concertos de recoñecidas arpistas internacionais ou un novo encontro do alumnado das escolas de arpa da Galiza; ademais de ampliar a súa actividade achegando o instrumento  aos centros hospitalarios co programa piloto Boas vibras. Arpistas pola saúde.  

Rodrigo Romaní presentou  a programación de concertos que terán lugar no marco desta décima edición do Noia Harp Fest. No seu cartel conflúen, desde hai dez anos, solistas e grupos de estilos moi diversos procedentes do ámbito galego, estatal e internacional, mais todos eles unidos pola interpretación musical a través da arpa. 

Os concertos, de acceso libre e dunha notábel calidade artística, celébranse en horario de tarde tanto a ceo aberto coma no interior de recintos culturais da vila de Noia, cuxo Concello é patrocinador do evento, coa intención de favorecer o achegamento ao instrumento por parte de públicos de todas as idades. A este respecto, Rodrigo Romaní avanzou que o festival dará a coñecer, nas vindeiras semanas, o programa de actividades paralelas, que inclúe as habituais clases maxistrais ou mesmo obradoiros familiares. 

Unha das principais novidades deste 10º Noia Harp Fest é a estrea mundial de Hibrysdo hispano-arxentino Alejandro Civilotti. Trátase da obra gañadora da primeira edición do premio internacional de composición Portus Apostoli, patrocinado polo Concello de Noia. A Real Filhamonía de Galiza será a responsábel de interpretar unha peza que, segundo o tribunal do certame, foi a máis destacada das 16 composicións recibidas pola súa "alta calidade e interese", á vez que mostra unha "elevada técnica orquestral, onde a arpa e a orquestra concertan á perfección". A estrea terá lugar na noite do sábado 5 de agosto na praza do Tapal de Noia. 

 

Programación

A décima edición do Noia Harp Fest dará comezo o 3 de agosto cunha sesión festiva e que porá en valor o talento local e de proximidade. O alumnado das escolas de arpa da Galiza participará, por segundo ano consecutivo, nun encontro aberto ao público. Trátase da proposta máis singular deste eido no país, ao por en relación a todas e todos os estudantes do instrumento. O obxectivo do NHF é que este Encontro sexa unha referencia para o alumnado e que elas e eles sexan sempre as protagonistas da apertura do festival. Logo deste concerto, terá lugar unha foliada de benvida e, de seguido, un concerto do chileno Crístian Rodríguez Cuarteto será o ramo desta xornada inaugural. 

O día 4 estará fiado polo virtuosismo de mulleres arpistas do ámbito do folk. A irlandesa Laoise Kelly, considerada a máis relevante da súa xeración, abrirá a segunda xornada de concertos na igrexa de Santa María a Nova. Pioneira nun novo estilo de conducción da arpa instrumental e recoñecida pola crítica polos seus traballos en solitario, ao longo da súa carreira -na que fundou grupos como Bumblebees ou Fiddletree- participou na gravación de máis de 70 álbums con artistas como Seamus Heaney, The Chieftains ou Sharon Shannon.  

Ás 21 horas, na praza do Tapal, será a quenda do dúo franco-alemán conformado por Gilles Chabenat e Daniela Heiderich. Cunha arpa de levas bohemia, zanfona, voz e gaita francesa, os dous músicos evocarán melodías de baile conmovedoras e cancións profundamente emotivas, no marco dun repertorio que incluirá tanto composicións propias modernas como músicas tradicionais francesas e alemás, ou mesmo melodías de manuscritos antigos.

A noite pecharase cunha das bandas que irromperon na escena folk dos anos 90 para mudala: The Poozies. Esta agrupación totalmente feminina fíxose moi coñecida polas súas xiras mundiais, nas que amosaban os seus arranxos inusuais e emocionantes, ademais de harmonías vocais conmovedoras. Cunha formación renovada, The Poozies será unha das grandes sensacións do festival pola súa gran colección de temas e melodías groovy. 

O sábado 5, o Noia Harp Fest e a Asociación Española de Arpistas renderán unha homenaxe especial ao músico e virtuoso Nicanor Zabaleta, considerado o mellor intérprete do instrumento, no trixésimo aniversario da súa morte. Será cun concerto, que terá lugar no Teatro Coliseo Noelia, no que intervirán solistas de prestixio internacional para interpretar obras adicadas á súa figura. De seguido, contra ás 21.30 horas, será a estrea mundial de Hibrys, coa Real Filharmonía de Galiza, na praza do Tapal. Nas vindeiras semanas darase a coñecer a ou o intérprete solista.

A última xornada da décima edición do Noia Harp Fest comezará ás 19 horas do domingo 6 de agosto cun concerto da arpista, cantante e artista multidisciplinar Musgö, especialista en looping ao vivo e arpa eléctrica. O seu traballo é unha mestura de contemporáneo e vintage, cunha posta en escena atrevida e elegante que se poderá ver no Teatro Coliseo Noela. Finalmente, o broche dourado do evento chegará da man da orquestra de folk de Galiza. SonDeSeu estreará na praza do Tapal dúas novas composicións creadas especificamente para este concerto: serán a Suite Micelio, de Anxo Pintos, para arpa e orquestra folk, que contará con Begoña Riobó como solista; e a Suite Escumas Atlánticas, de Rodrigo Romaní, na que serán solistas Laoise Kelly, Mary Macmaster e Beatriz Martínez.

Comentarios