A feira da creatividade e o pan volve a Carballo

Creatividade é a palabra para definir a catro días de feira continuada na que presentacións, concertos, obradoiros, recitais, arte urbana ou anovadoras sesións vermús compoñen a praza máis imaxinativa na que non pode faltar o pan de Carballo. Falamos da Praza dos Libros que se desenvolve do 20 a 23 de agosto. 

prazadoslibros
photo_camera prazadoslibros

A Praza dos Libros, que terá lugar do 20 ao 23 de agosto en Carballo, ofrece un programa no que acougar é imposíbel. Presentacións de libros recén saídos do forno, concertos, recitais, obradoiros e unha manchea de espectáculos infantís compoñen catro días de intenso programa adubiados cos mellores produtos da terra, en especial, o pan, as patacas e as verduras da feira tradicional que son veciñas, nesta ocasión, dos postos de libros e actividades. Especial atención ten esta edición á programación para as crianzas, cun amplo abano de propostas para se achegar á cultura en pleno tempo vacacional.

Suso Lista, Manuel Rivas, Rosalía Fernández Rial, Paco Souto, Xosé M.ª Lema, Verónica Martínez Delgado, Farruco Graña, Icía Varela ou Modesto Fraga presentarán os seus libros en catro días nos que se poderá participar en concertos de Paco Nogueiras, A Gramola Gominola, Chuches Amil, Chicharrón ou Poetarras. Seisdedos, Anxo Moure ou Raquel Galavís ofrecerán espectáculos para público infantíl. 
A nova edición incorpora como novidades a mostra de autoedición Fanzinadas que se desenvolverá a sexta feira á tarde e unha sesión vermú con música de Chicharrón e vermú galego pronta para o domingo a mediodía. 

Os libros teñen na praza un desconto do 10% que se suma na mañá do domingo á posibilidade de chegar á casa cun pan de Carballo de agasallo canda a mellor literatura. O pasado ano, vendéronse na edición da Praza dos Libros 1.600 exemplares, o 70% en galego. 

Comentarios