Creadoras galegas no CGAC do primeiro trimestre de 2019

O Centro Galego de Arte Contemporánea avanzou a súa programación para o primeiro trimestre de 2019. Estará protagonizada polas creadoras galegas: Loreto Martínez Troncoso e Ángela de la Cruz presentarán cadansúa exposición individual. Unha retrospectiva do belga René Heyvaert completa as mostras anunciadas.
 

cgac
photo_camera O CGAC en Compostela. Foto: cedida.

Martínez Troncoso (Vigo, 1978) “apela á lectura e relectura e ao cuestionamento da súa propia obra” en Vestiges d'ici, Vestixios de si. “Insiste nos procesos e nas ideas, nos traballos conxuntos, abertps, e nas implicacións das súas intervencións”, sinala o museo compostelán nun comunicado de prensa. A mostra, comisariada por Chus Martínez, estará aberta do 8 de febrerio ao 9 de xuño.

A partir do 22 de febreiro e até o 19 de maio, Ángela de la Cruz (A Coruña, 1965) amosa Homeless, coproducida polo centro galego e mais polo Centro Azkuna de Bilbo. Da man da comisaria Carolina Grau, a exposición inclúe 25 obras realizadas entre 1996 e 2017 a xeito de retrospectiva de De la Cruz, premio Nacional de Artes Plásticas do Ministerio de Cultura en 2017.

René Heyvaert (Gante, Bélxica, 1929-1984) pecha a quenda de exposicións deste primeiro trimestre cunha mostra curada polo propio director do CGAC Santiago Olmo e mais pola filla do artista, Anne Heyveart. “A busca da integración entre a vida e a arte moveron a este artista a investigar novas prácticas e novos materiais qyue fan parte da realidade vivida e cotiá”, di a nota.

Con estas mostras, o CGAC inicia tempada despois de pasar 2018 centrado na celebración do cuarto de século de existencia da institución.

Comentarios