Sete creacións galegas na tempada 2021-22 do Centro Dramático Nacional

A Panadaría, Chévere e Matarile Teatro coproducen as súas obras co CDN, organismo que tamén produce as creacións de creadores como Pablo Fidalgo, Marta Pazos e Esther F. Carrodeguas.
EuropaPress_3384184_elisa_marcela_tem
photo_camera Imaxe de arquivo de 'Elisa e Marcela', da compañía A Panadaría. (Foto: Europa Press)

O Centro Dramático Nacional (CDN) vén de presentar a súa programación para a tempada 2021-2022 e dentro da nómina de producións e coproducións destaca a presenza de sete traballos galegos da man das compañías Chévere, Matarile, En vilo e A Panadaría e dos creadores Pablo Fidalgo, Marta Pazos e Esther F. Carrodeguas.

Coa reconstrución, persoal e colectiva, após a pandemia no centro, a programación conta cun total de 27 espectáculos e máis de 60 actividades transversais. Así, a compañía teatral Chévere subirá ás táboas do María Guerrero, entre o 17 de setembro e o 10 de outubro, Never More, unha creación en coprodución cuxas dirección e dramaturxia corren a cargo de Xesús Ron e na que se dá “unha versión diferente do que ocorreu co desastre do petroleiro Prestige en 2002”. 

A outra coprodución galega co CDN será a que realice a dramaturga e directora Ana Vallés, de Matarile Teatro, que leva tamén ao María Guerrero a peza Inloca, que se representará do 14 de xaneiro ao 6 de febreiro.

En terceiro lugar chega o traballo da Panadaría, no mesmo teatro, baixo o título Las que limpian / As que limpan. A peza de Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, que se representará do 20 de abril ao 15 de maio na sala Princesa, busca reivindicar o traballo das camareiras de piso dos hoteis achegando tamén unha perspectiva de xénero.

Dos demais proxectos galegos no CDN, que se desenvolverán como produción propia do órgano estatal, o primeiro en estrearse será El libro de Sicilia, do vigués Pablo Fidalgo, que propón "unha viaxe a un territorio de ruínas para falar do tempo, da historia e da reconstrución”, entre o 8 o 31 de outubro tamén na sala Princesa.

A directora de Voadora, Marta Pazos, regresa a un texto de Federico García Lorca para realizar unha comedia inacabada. Comedia sin título representarase do 12 de outubro e o 26 de decembro no María Guerrero.

Seguindo a liña de traballo de autorías colectivas, Teatro En Vilo, a compañía de Andrea Jiménez e de Noemí Rodríguez, crea Blast para pór en escena un gabinetes de crise, entre o 6 de maio e o 19 de xuño do próximo ano, tamén no María Guerrero.

E finalmente, dentro do programa de Residencias Artísticas do centro dramático, está a proposta da dramaturga Esther F. Carrodeguas. Unha traxicomedia negra que leva por título Supernormales e que dirixirá Iñaki Rikarte no Teatro Valle-Inclán entre o 16 de marzo e o 24 de abril de 2022.

Comentarios