A creación e as palabras roubadas

A V Xornada da Literatura Dramática da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) reflexiona sobre liberdade e censura.
De esquerda a dereita, Avelina Pérez, Afonso Becerra e Branca Novoneyra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera De esquerda a dereita, Avelina Pérez, Afonso Becerra e Branca Novoneyra. (Foto: Nós Diario)

Moitas palabras deixaron de ter significado. Porque lles foi roubado. A linguaxe reduciuse a un binarismo banal. Estás comigo ou estás contra min. Todo ten dous polos, sen fisuras. Que tipo de comunicación pode estabelecerse, entón, nesas circunstancias? E máis cando a creación se somete ao mercado ou á celebración de efemérides. A palabra debe ser libre. Mais temos unha liberdade acoutada. Cando a palabra é realmente libre, non ten necesidade ademais de ser a dona do discurso. Son reflexións que a dramaturga, actriz e directora teatral Avelina Pérez formulou na súa intervención na V Xornada da Sección de Literatura Dramática da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), dedicada ás artes escénicas e ás súas literaturas na situación de crise e de pandemia. 

A bailarina e ex concelleira de Cultura en Santiago Branca Novoneyra, que compartiu mesa de debate con Avelina Pérez, admitiu que o artista tende a “autocensurarse” para evitar o conflito cando traballa para unha institución. O poder -asegurou- “sempre tenta utilizar os creadores e creadoras”, polo que, nos traballos por encarga, estes deben ser, “sen dramas”, conscientes da situación. Existe tamén, lembrou, a opción de permanecer lonxe do poder, o que implica afastarse das institucións, ou de afastarse temporalmente delas para non ter que lidar co “politicamente correcto”. 

Desde o público, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, amosouse de acordo con Avelina Pérez en que se produce unha “idiotización” da linguaxe para achegalo ao “guión dunha película americana: con bos e malos…”. E é responsabilidade da literatura dramática, dixo, contribuír a saír diso. Está a expropiarse tamén, apuntou, a linguaxe do corpo. Nas redes sociais non poden mostrarse corpos nus, por exemplo, mentres si se pode empobrecer a linguaxe para reducilo todo ao cuantificábel. 

Avelina Pérez respondeu que, máis alá da censura, hai unha responsabilidade individual. Que non podemos seguir amparándonos na “pertenza a un determinado lugar”, porque ademais para iso, na era das redes sociais, só fai falta unha proclama. Para situarse por exemplo do lado dos “non-fachas” ou das “feministas”. Mais quizais eses xeitos de identidade banal están ao servizo dun “sistema” que os devora. Non estamos -engadiu- a actuar, senón a reaccionar desde lugares colocados por outros, aprendidos. Malia o cal -asegurou- tamén se conservan algúns lugares “de encontro real”. Novoneyra reflexionou tamén sobre a necesidade de liberar os tempos, no sentido de que non haxa unha premura por estar producindo todos os anos e ter tempo para pensar. 

Ferramenta vital

Na mesma xornada da AELG houbo outra mesa -moderada polo crítico e profesor Afonso Becerra, como a que xuntou Avelina Pérez e Branca Novoneyra- na que participaron a profesora, escritora e deputada polo BNG no Parlamento galego Mercedes Queixas e a concelleira do PSdeG-PSOE no concello de Santiago Mercedes Rosón. “A cultura” -afirmou Rosón- “é a grande ferramenta vital para manternos en pé”. Durante o confinamento foi “ferramenta curativa”, significou “saúde” e “benestar común”. 

Mercedes Queixas subliñou pola súa banda que a cultura galega nunca foi “acomodaticia” ou “resignada”, senón que se fixo contra as dificultades. Ademais, cultura, educación e sanidade “sostivéronnos durante o confinamento”, que serviu ademais para que moita xente “descubrise” ou “ensanchase” o seu coñecemento da cultura galega. Mais a cultura -lembrou- é tamén “un traballo”, ademais dunha ferramenta educativa ou un xeito de expresión dun pobo. E como traballo ten un custo. Calquera proxecto político e cultural, defendeu, non é neutral, se non que ten uns obxectivos. E apoiar a cultura pode ser ou non parte desas finalidades. A cultura é, ademais, “un dos motores económicos do país”. 

Mercedes Rosón salientou o “esforzo” realizado en Santiago para reprogramar -adiando, non cancelando- a actividade cultural a consecuencia do primeiro estado de alarma que seguiu á pandemia. Parte do traballo foi tamén, indicou, crear “espazos seguros para recuperar a confianza da cidadanía” que quería seguir indo a espectáculos. A cultura converteuse, así, afirmou, máis que nunca, nun “acto de resistencia” que non debe parar, en parte polo impacto económico que supón, e máis nunha cidade como Santiago, na que é un piar “en risco de esmorecer”.
 

Comentarios