CRÍTICA DE CINEMA

Crítica de cinema: 'Longa Noite', por A. Castro

Anxo regresa á súa vila natal, no rural galego, despois de rematar a Guerra Civil española. Alí topa co rancor e a desconfianza, tanto de gañadores coma de vencidos.

longanoite2

Eloy Enciso (Meira, 1975) pertence a esa xeración de cineastas pertencentes ao grupo chamado “Novo Cinema Galego”, un movemento acuñado, por vez primeira, por Martin Pawley en 2010, e que engloba directoras e directores de cinema de vangarda cuxas creacións están á marxe dos xéneros e da industria, nunha continua procura por explorar terreos estéticos e temáticos alternativos e fóra de todo convencionalismo formal.

Na súa anterior longametraxe, Arraianos, Enciso fai unha adaptación libre da obra teatral O bosque do dramaturgo coruñés Jenaro Marinhas del Valle como base para facer un ensaio etnográfico e antropolóxico dunha zona concreta entre Galiza e Portugal: “A Raia”. Con Longa noite fai algo semellante a través dunha escolma de fragmentos teatrais, retrincos de memorias e cartas de presos, para construír unha peza audiovisual arredor da post-Guerra Civil Española e das consecuencias do franquismo, e que ben podería ser unha historia atemporal que explora o verdadeiro xerme do fascismo.

Xa desde o título, o filme producido por Filmika Galaika, leva unha potente, e representativa, referencia literaria a Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro. O primeiro terzo nútrese principalmente por textos teatrais recitados por actores e actrices de teatro amador de boa parte do país. Entre as fontes utilizadas volve sobre a obra de Jenaro Marinhas del Valle, e incorpora outros textos de Luís Seoane, Ramón de Valenzuela, Max Aub, Manuel Rivas, Carlos G. Reigosa ou Roberto Vidal Bolaño, entre outros e outras.

A segunda parte componse das lembranzas e memorias de varias persoas superviventes e a desenlace contén fragmentos de cartas de presos lidas en voz en off mentres o protagonista (Misha Biles Goias) deambula polo medio do bosque perdido e sen rumbo aparente. Resulta moi revelador quedar até o final dos títulos de crédito para decatarse do enorme traballo de recompilación que houbo detrás.

Eloy Enciso non gusta de dalo todo mascado nin tampouco de dicirlle ao público como se ten que sentir. Os seus referentes confesos son cineastas como Pedro Costa, Jean Vigo, Chantal Akerman ou Andrei Tarkovski, pero, sobre todo, no cumio das súas referencias, atópase a parella de directores Danièle Huillet e Jean-Marie Straub. Con estes vimbios cinéfilos xa podemos supoñer que o seu público obxectivo dista moito de ser “o gran público”. O seu público obxectivo é un público culto, intelixente, cunha sensibilidade especial. Un público ao que non lle gusta que lle digan o que debe pensar. Un público comprometido que participe activamente co que está a percibir na pantalla para ir construíndo a súa propia historia. A percepción final, por tanto, será tan variada como o número de persoas que están presenciando o filme.

Enciso opta por un estilo de realización estática, sen artificios, sen alardes. Case podería dicirse que rebusca a propósito o encadre feo, o plano desagradábel. Un estilo que faga incomodar ao espectador para que nunca se sinta cómodo. Actores e actrices en plano medio e case sen moverse, fondos neutros, caras longas entre carraxe e pesar e unha atmosfera fantasmal durante a hora e media de metraxe. Só as impresionantes escenas nocturnas de Mauro Herce (nomeado a Goya á Mellor Fotografía por O que arde), e os atinados textos interpretados, con poética cadencia polos actores e actrices de teatro amador, semellan ser capaces de sacarnos desa densa sucesión de bustos falantes.

Longa noite é un filme de dixestión lenta, que non difícil. Teñen que pasar varios días para que vaia facendo efecto na nosa memoria até decatarnos da súa incómoda mensaxe implícita. Unha mensaxe que desvela unha crúa realidade e que, en certa forma, xa sabemos todos e todas pero que, no fondo, nos negamos a admitir: a longa noite continúa latente, de feito, nunca rematou.

Longa Noite

(Galiza 2019, 93 min.)

Dirección e guión: Eloy Enciso

Fotografía: Mauro Herce

Elenco: Misha Bies Golas, Nuria Lestegás, Manuel Pozas, Verónica Quintela, Manuel Pumares, Celsa Araújo, Suso Meilán, Carlos Meixide

Comentarios