A Cova do Rei Cintolo mantén o tipo ante a crise e estará todo o mes aberta a visitas

Para facer a ruta espeleolóxica mindoniense é recomendábel reservar antes desde a casa. No entanto, os grupos saen a partir das catro persoas e teñen un máximo de dez participantes. As entradas, de pago, dan acceso guiado a un espazo natural con estalactivas, estalacmitas, coladas e augas subterráneas. En setembro hai tres excursións ao día.
cintolo web
photo_camera Un grupo de excursionistas dentro da cova. (Foto: Turismo de Mondoñedo)

Quen ande a procurar emocións máis fortes que as que se están a vivir pero quere experimentalas nun grupo reducido lonxe do coronavirus, ten a oportunidade de reservar a praza para ir de excursión á Cova do Rei Cintolo. O Concello de Mondoñedo pon todas as facilidades para que o turismo complete esa viaxe á terra máis literal, cun mínimo de tranquilidade mental aínda que non física. No que vai de estío a afluencia non padeceu as consecuencias da pandemia e aínda queda todo este mes para percorrer a diario unhas galerías de referencia no mundo da espeleoloxía. 

As persoas que se animan a facer este pequeno itinerario de 300 metros pola montaña mindoniense saben que acabarán cunha molladura, mais nin o feito de ter que arrastrarse pola terra nin o coronavirus impiden o paseo. 

Desde o departamento de Turismo do Concello de Mondoñedo puntualizan que, agora, ao kit de espeleoloxía –consistente nun casco con lanterna, luvas e un mono reciclábel– hai que sumarlle a máscara. É o de menos se as e os aventureiros non teñen claustrofobia e contan cunha "mobilidade normal, porque hai que agachar, pasar en crequenas...". 

O tramo de paseo é de 300 metros lineais na parte central desta cavidade creada pola natureza, máis haberá que pasar por sitios estreitos e angostos para evitar as coladas, as estalactitas, as estalacmitas e os pequenos regatos que corren polo interior da cova. Os visitantes mesmo poden ter que sortear morcegos e algunas especies de invertebrados, porque este espazo ten sona de ser un escondite perfecto para todos eles. 

Éxito, pero máis tarde

"Este ano comezamos coas visitas máis tarde pero estamos a traballar bastante", din na oficina, aludindo ao pouco temor da xente á hora de  gozar desta experiencia malia a situación. Os espazos serán reducidos, pero polo menos os grupos tamén o son e non hai máis distanciamento social que noutros contextos, pero case. 

Como o verán non remata coa despedida do mes de agosto, hai marxe de escoller cualquera xornada de setembro e marchar a averiguar se a lenda sobre este espazo natural ten algo de certo. 

"Facemos tres saídas ao día ás 12, 17 e 18.30 horas de segundas a domingo", apuntan. Iso si, hai que ter un mínimo de catro persoas e un máximo de dez para emprender o camiño até o lugar de Argomoso e o axeitado é levar a reserva feita da casa.

Comentarios