O Couto, a aldea que ten as festas polas letras

O Couto, un ano máis, é un dos centros do Día das Letras Galegas. A través do movemento asociativo local artéllase o “Festiletras”, unha singular proposta cultural na que se gaban dunha “aldea que soña ser país”. O escritor Xosé Neira Vilas deu saída á festa. 

.
photo_camera .

A Asociación Monte Branco, Inllar, a Coral A Oliveira, a Fundación Eduardo Pondal e o Colectivo con V de Valarés, suman forzas un ano máis para que O Couto sexa un dos puntos singulares de conmemoración do Día das Letras Galegas. A aldea é o centro e desde aldea, con vontade de país, conseguen que, cada ano, todas as miradas se dirixan a Ponteceso onde a festa e a cultura xúntanse na máis singular das conmemoracións do Día das Letras Galegas. 

A presenza do escritor Xosé Neira Vilas serviu de inauguración dun programa que se prolongará até o día 18.Na programación teñen especial protagonismo a rapaciada da comarca, dos distintos colexios de Ponteceso e Malpica que en arredor dun milleiro participarán nos distintos obradoiros literarios organizados no Festiletras. 

Coñecidos nomes do mundo da cultura como Xosé Touriñán, Isabel Risco, Oreka TX, Joao Afonso, Xabier Díaz e Malvela chegarán a O Couto para encher a aldea de música e humor. O programa iniciouse coa intervención do pregoeiro Xosé Neira Vilas xunto coa actuación da Coral A Oliveira de Monte Branco nunha xornada na que se homenaxeou a Pondal, o grande escritor da comarca. 

Aldeas literarias e creativas

O día 16 centros de ensino de Ponteceso desenvolverase, nos centros de ensino, o programa “Aldeas Literarias, con regueifas, contos, poesía, roteiros ou relatorios. Oli Xiráldez impartirá un obradoiro de maios e o escritor Xabier P. Docampo, o fotógrafo Daniel Puente o ilustrados Xosé Cobas serán protagonistas de encontros co alumnado. O humor chegará a Casa dos Veciños con “Nabiza Girl”, a Superheroína rural galega á que dá vida Isabel Risco máis Xosé Antonio Touriñán con “Manolo Lojo”. Para o Día das Letras, alén de obradoiros, contos e diversas actividades para crianzas, a noite traerá a música de OREKA TX, Joao Afonso e Xabier Díaz. Será tamén a xornada na que se desenvolva o programa “I Encontro de Aldeas Singulares” que convida a participar a concellos galegos que contan con singulares programas culturais como a Universidade rural de Barreiros ou o Festival de Cine de Riós mais tamén están convidadas propostas de fóra das nosas fronteiras que teñen interesantes e orixinais propostas. O lema é “se queres ser universal, fala da túa aldea”. A seguir, o Tren das Letras circulará pola aldea nunha tarde na que a “sesión refresco” estará animada por Lúa Chea. 

O Festiletras pechará coa XXXII Feira de Artesanía e a Mostra do libro galego o domingo día 18 cunha xornada completa de obradoiros, bailes, actuacións e demais actividades ás que un concerto de Malvela porá peche ás 19.15 horas.

Comentarios