Festival dos Eidos do 22 ao 26 de agosto

No Courel dos tesos cumes: poesía en lugares illados

No escenario que delimitan Paderne, Seoane, Moreda e Parada, no Courel, acontecerá o Festival dos Eidos. Será, entre o 22 e o 26 de agosto, a cuarta edición dun encontro que, promovido pola Fundación Novoneyra, xuntará escritoras e músicos galegos, irlandeses ou portugueses.

courel
photo_camera A casa que acolle a Fundación Novoneyra no Courel. Foto: cedida.

O festival que leva o nome dun dos grandes libros da poesía galega do século XX fai parte da singular rede Litfest Project. Trátase dunha agrupación que traballa “por achegar novas oportunidades de aprendizaxe a comunidades illadas”. Ademais do Courel, os outros catro encontros asociados celébranse en Cork (Irlanda), en Voulmentin (Nova Aquitania, Francia), nas illas Madeira e mais Salerno (na Campania, no sur de Italia).

“Queremos unha programación de marcado perfil internacional e multidisciplinar”, prometen desde a Fundación Novoneyra. Entre as poetas, as galegas Olga Novo, Teresa Moure, Olalla Cociña, Xiana Arias, Celia Parra e Nieves Neira; o italiano Marco Paone; a arxentina Tálata Rodríguez, e as irlandesas Paul Casey, Ciaran MacArtain, Michael O Callaghan, Sue Cosgrave, Katy D'Arcy, Rosy O'Reagan e Julie Goo.

O apartado musical será variado. O proxecto Baiuca, que mestura electrónica e tradición galega e vén de publicar o seu primeiro disco -Solpor (2018)- estará nel. Como o pop bretemoso de Atrás Tigre -banda en que tocan as poetas Olalla Cociña e Xiana Arias- ou o jazz de Sumrrá. Pelo Mono, grupo paralelo dos blues punk Gudalupe Plata -andaluces-, o gaiteiro Marco Foxo e Anier completan o cartaz. Tamén haberá picadiscos -Tristón e Sergio Canay- na clausura de cada unha das xornadas.

Visitas guiadas á casa museo de Novoneyra, presentacións de libros -Culpables por la literatura (2017), de Germán Labrador, ou un estudo de Jorge Linheira sobre políticas culturais-, teatro -os portugueses Teatro da Madeira, Fantoches Baj e a danza de Hisako Horikawa- e proxeccións -os documentais Versogramas, sobre videpoesía; ou Vértice de versos, sobre poesía galega contemporánea- son outros elementos da cuarta edición do Festival dos Eidos.

Comentarios