[VÍDEO] O 'galenglish' da coruñesa Hydn, entre as propostas máis votadas para Eurovisión

A artista ficou na undécima posición na 'Elección Interna' de cara ao Festival de Benidorm, unha enquisa na que o pasado ano as Tanxugueiras resultaran gañadoras.
Hydn, nunha actuación no 'Luar'. (Foto: TVG)
photo_camera Hydn, nunha actuación no 'Luar'. (Foto: TVG)

A cantante coruñesa Hydn situouse entre as e os doce artistas favoritos para representar o Estado español no festival de Eurovisión 2023, segundo unha enquisa elaborada polo portal especializado Eurovision Spain da que o pasado ano saíran gañadoras as Tanxugueiras co tema Figa.

Así, a autora prepara xa o seu camiño cara ao Festival de Benidorm após ficar no segundo posto no voto das persoas sociais de Eurovision Spain e undécima na súa popular enquisa anual.

En concreto, Hydn logrou situarse entre os cen artistas da 'Elección Interna' de entre máis de 730 propostas musicais, entrando no 'Top 12' de favoritas nas votacións diarias e rematando de finalista no posto 11, por detrás de María José Llergo, Ana Mena, Guitarricadelafuente, La Casa Azul, María Peláe, Lola Índigo, Megara, Bulego, Julieta ou Ptazeta, e por diante de Neomak, que fechou a clasificación.

"É totalmente surrealista que unha artista tan emerxente como eu, autoxestionada e autofinanciada, chegase até aquí entre tantos artistas e tan coñecidos", subliñou a propia Hydn a través dun comunicado.

Neste senso, agradeceu o "incríbel" apoio recibido. "Descubriume unha chea de xente e grazas a eles cada vez vexo máis posíbel poder chegar ao festival", reivindicou.

Por iso, xa prepara a canción que quere presentar no certame de Benidorm, o festival no que o Estado español elixe representante, polo que apuntou que quizais envíe dúas propostas de diferentes xéneros.

Hydn é unha artista galega que utiliza o inglés e o galego nas súas cancións co obxectivo de "chegar a xente que non sabe nin da existencia da lingua galega".

Pola súa parte, a redondelá Sheila Patricia, que tamén participou desta votación, ficou finalmente nun meritorio 28º posto de entre as 100 artistas que pasaron o 'corte'.

Comentarios