O coruñés Raúl Dans gaña o II Premio Laudamuco de textos teatrais

O xurado destacou "a voz dramática firme e poderosa, unha autoría solidísima cun uso da lingua limpo e rotundo". Só un home bo, a peza premiada, será publicada por Edicións Positivas. Ao longo da súa carreira, os textos de Dans foron premiados en prestixiosos certames a nivel galego e estatal.
O dramaturgo e escritor coruñés Raúl Dans (Imaxe: Carlota Dans).
photo_camera O dramaturgo e escritor coruñés Raúl Dans (Imaxe: Carlota Dans).

O coruñés Raúl Dans vén de recibir o II Premio Laudamuco para textos teatrais. A súa obra, Só un home bo, foi recoñecida polo xurado pola “alta calidade teatral” e pola súa “voz dramática firme e poderosa, unha autoría solidísima cun uso da lingua limpo e rotundo”.

O premio está convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. Naceu do co obxectivo duplo de comemorar a estrea de Laudamuco, señor de ningures, de Roberto Vidal Bolaño en maio de 1978 e mais de promover a creación de textos teatrais en lingua galega.

Só un home bo será publicada da man de Edicións Positivas. O xurado que a escolleu como gañadora estivo formado por Inma López Silva, Carmen Abizanda, Damián Villalaín, Xosé Manuel Fernández Castro e Manuel Guede Oliva. Nunha deliberación telemática, salientaron “a vontade explícita que propón o autor para a súa representabilidade, cuestión definida tanto polo razoábel número de personaxes, catro intérpretes, como a economía de medios con que pode ser resolto o espazo escénico”.

“É tamén necesario ponderar a sabia disposición do entramado escénico logrado ao relacionar o ritmo do argumento co tempo do discurso”, engadiron as participantes na votación, que tamén felicitaron a iniciativa do premio, desexando unha longa vida á cultura “en tan infaustos tempos”.

Máis outro premio para Dans

O coruñés Raúl Dans suma así un novo galardón a unha carreira xa de por si laureada. Actor de dobraxe, ademais de escritor, foi destacado cos premios Álvaro Cunqueiro, con Chegamos despois a unha terra gris (2010), ou Rafael Dieste, con Matalobos (1993) no ámbito galego ou o premio Born no estatal, polo texto Derrota (1997).

Como guionista participou en diversas series de ficción para a Televisión da Galiza como Pratos Combinados, de volta á pantalla nestes tempos de confinamento, Padre Casares ou A vida por diante. En 2003 obtivo o Premio Mestre Mateo na categoría de guión por Terra de Miranda e en 2005 recuncou con As leis de Celavella.

Comentarios