xoves 24/09/20
Exposición

A Coruña nas expedicións transoceánicas, a oportunidade perdida no comercio de especias

A mostra Inventio Mundi vén de arribar á Coruña, unha das grandes protagonistas desta exposición que propón un percorrido tras a pegada galega nas expedicións transoceánicas, de finais do século XV a comezos do XVII. Unha oportunidade para descubrir un deses recunchos agochados da nosa historia e a relevancia que portos como o da cidade herculina tamén tiveron no comercio de especias, hoxe totalmente descoñecidas para o público xeral.

Ilustración da cidade da Coruña
no século XVII.
Ilustración da cidade da Coruña no século XVII.

Desde a sexta feira da pasada semana, as e os habitantes da Coruña poden achegarse a descubrir unha das etapas máis descoñecidas da nosa historia, na que a propia cidade herculina xogou un papel fundamental.

A Fundación Barrié acolle unha mostra que se inaugurou o pasado ano, con motivo do aniversario da circunnavegación de Fernando de Magalhães e Francisco El Cano (1519-1522) na procura doutro roteiro coas Indias.

Baixo o título Inventio Mundi, a exposición recolle "as achegas galegas ás viaxes de descubrimento e navegación", sintetiza Prudencio Viveiro en conversa con Nós Diario, coordinador do proxecto xunto a Emilia García López e co comisariado de Ofelia Rey Castelao.

Após pasar por Vigo ou Pontevedra, detense nun punto fundamental da xeografía do propio discurso expositivo. Pois no século XV, Carlos V quixo abrir desde A Coruña unha nova ruta para chegar as illas Molucas sen depender do porto de Sevilla.

Para iso creaba a casa da Especiaría, máxima representación dunha liña político-marítima que xestou catro expedicións que acabaron en desastre, sen deixar case rastro na cidade. Esta memoria é tamén a que Inventio Mundi reivindica.

Un traballo difícil

Con este reto de recuperación do pasado, desenvolveuse un traballo complexo que rastrexa a presenza de mariñeiros galegos nas distintas viaxes que se levaron a cabo, mesmo a do propio Magallães, quer as que foron capitaneadas por galegos quer nas que só formaban parte da tripulación, chamando a atención sobre ese elo da historia colectiva alén dos nomes que conquistaron máis sona.

Subtitulada "Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII", a mostra, destacaba no texto introdutorio Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, entidade impulsora da iniciativa, dá conta de que a "posición atlántica da Galiza é fundamental para comprender a especificidade da cultura galega, pouso milenario dunha comunidade establecida neste Finis Terrae europeo, ás portas de todos os camiños do mar e ao cabo dunha rede de camiños terrestres".

Así, procura traer á memoria un anaco esquecido da nosa historia e aqueles "navegantes galegos que abriron os camiños do mar, atopasen ou non gloria na empresa".

Aínda que o reino galego tivo a oportunidade de aproveitar a súa situación estratéxica nas rutas atlánticas, os Reis Católicos descartaran Galiza como núcleo da carreira das Indias –aberta por Colón en 1492– en favor de Sevilla, cun porto fluvial que albergaba mellores condicións climáticas e económicas para facerse cargo da empresa.

Porén, salienta a comisaria que os galegos poderosos, entre os que atopamos nomes como Fernando de Andrade, non renunciaron a ter parte no xigantesco negocio que se abría ante eles, e así llo esixirían a Carlos I a cambio da súa colaboración noutras cuestións.

A relación con Portugal

A mostra comeza por dar conta dos precedentes da expedición, como as exploracións portuguesas para chegar a Asia en dirección oriente, na procura das míticas riquezas narradas por Marco Polo. A Coroa portuguesa non tiña especial interese en conquistar territorios, senón "espazos económicos", matiza a exposición.

No período da expansión, a relación da Galiza con Portugal estivo cinguida á política dos Reis Católicos e dos seus sucesores, nun tempo de pacificación após o enfrontamento dinástico entre Isabel de Castela e Xoana a Beltranexa.

Alén do contexto histórico, atoparemos en Inventio Mundi outros fitos que se achegan máis á curiosidade anecdótica, sen renunciar ao contido simbólico, como a arribada de Martín Alonso Pinzón a Baiona en 1493, co anuncio na boca de que as naos de Colón chegaran "ás Indias" seguindo a ruta cara ao occidente. A parada da maltreita carabela Pinta fixo deste porto o primeiro de Europa en saber da existencia de "novas terras", mesmo antes que Lisboa, onde atracaba a Niña pouco despois.

O discurso da exposición segue coa intervención de galegos nestas grandes expedicións, deixando tamén oco para as características dos barcos nestas perigosas e accidentadas travesías, así como ás duras condicións de vida no interior, desiguais dependendo da xerarquía.

Nomes como Sebastián de Ocampo, bojeador da illa de Cuba; don Fernando de Andrade, fomentador da casa da Especiaría; Sarmiento de Gamboa, explorador das terras austrais con Álvaro Mendaña de Neira; Gómez Pérez das Mariñas, gobernador das Filipinas; e os irmáns Bartolomé e Gonzalo García de Nodal, navegantes que fixeron o paso do Estreito cen anos despois da expedición de Magalhães, claman o seu lugar na historia.

Mapas, cartas náuticas, retratos, maquetas de barcos, moedas ou portadas de libros son algúns dos obxectos que complementan os máis de 30 paneis de información, unha das seccións máis complicadas de construír, polo escaso material gráfico da época. Elementos como a casa da Especiaría da Coruña, con toda a importancia que tivo, son hoxe rastros dos que case nada se conserva.

Xustamente, entre as consecuencias da presenza galega nestas exploracións, "unha das máis inmeditas foi a concesión á Galiza, a comezos do século XVI, da casa da Especiaría da Coruña", destaca Viveiro. "Dito en poucas palabras, isto implicaba o monopolio desde a Galiza coas illas Molucas" (Indonesia), acrecenta, coas que se estabelecía un importante comercio de especias.

O protagonismo da Coruña

"Foi tan só unha década, porque polos compromisos exteriores da coroa española as Molucas acabaron na órbita portuguesa e fechouse a capacidade de comerciar desde A Coruña con elas", conta Viveiro. Aínda así, eses breves anos implicaron varias expedicións, algunhas frustradas, outras con maior éxito, e delas dáse conta na exposición.

A primeira tivo lugar en 1524, cando sae do porto da Coruña a carabela Anunciada, con Estevão Gomes á fronte, na procura dun paso entre o Atlántico e o Pacífico para abrir unha alternativa de viaxe ás Molucas polo norte. A segunda foi a de García Jofre de Loaysa, en 1525, seguindo a ruta tradicional. Malia que saíu unha armada de sete naves, once anos despois só dúas ducias de superviventes volveron a Europa.

En 1527 saíron desde o cabo de Fisterra tres barcos capitaneados por Diego García de Moguer, que malia non chegar nunca ao seu destino, acabou explorando o río Paraná e o Paraguai. A última expedición foi a de Simón de Alcazaba, navegante portugués ao servizo da Coroa de Castela.

Atendendo tamén á conformación do imaxinario marítimo na literatura galega, unha das actividades complementarias reunirá esta sexta feira Pemón Bouzas, Marilar Aleixandre e Manuel Bragado, coordinados por Olivia Rodríguez, no faladoiro "A Galicia navegante no imaxinario literario".

A Coruña nas expedicións transoceánicas, a oportunidade perdida no comercio de especias
comentarios