martes 21.01.2020

A Coruña rende homenaxe a Manuel María no cabodano da súa morte

Once anos despois do seu pasamento, e co Día das Letras 2016 no horizonte, Manuel María recibirá esta cuarta feira unha homenaxe na cidade na que viviu. O Teatro Rosalía da Coruña acollerá o espectáculo “Lúas de Outono 2015” no que haberá un recital poético e a actuación musical de Pepe Vaamonde Grupo. 

Manuel María
Manuel María

Esta homenaxe chega á súa sétima edición da man da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, que terá lugar esta cuarta feira día 16, ás 20:30 horas e estará protagonizado pola actuación musical de Pepe Vamonde Grupo e a palabra poética de Xulio L. Valcarce, Marta Dacosta e Miguel A. Fernán Vello. A entrada será gratuíta e libre até completar o aforo. 

Pepe Vamonde Grupo presentará unha dobre estrea: por unha banda, dúas pezas feitas para a ocasión sobre poemas de Manuel María e, pola outra, o seu recentísimo traballo Nas pedras do lar que reúne catorce pezas musicais con un fío condutor que é o lume,  cuarto elemento natural que o grupo utiliza despois da terra, aire e auga usados nos anteriores cos que este último CD forma unha tetraloxía.

O evento conta coa colaboración da Deputación Provincial e do concello da Coruña.

comentarios