A Coruña faise cómic con "Viñetas desde o Atlántico"

Do 10 ao 16 de agosto desenvólvese a XVIII edición de "Viñetas desde o Atlántico" o salón do cómic que este ano amplía as súas exposicións até o 20 de setembro. Destaca a maioritaria presenza de autoras nesta iniciativa dirixida por Miguel Anxo Prado. 

viñetas
photo_camera viñetas

Se unha pasea estes días pola Coruña poderá dar con algúns dos súper heroes e súper heroínas que saen do papel das bandas deseñadas para se colaren nas rúas da cidade con motivo de “Viñetas desde o Atlántico”. Coa chegada do salón do cómic, que se celebra desde 1998 baixo a dirección de Miguel Anxo Prado, a cidade vístese de banda deseñada e volve converterse nun referente internacional no mundo das viñetas.

En conversa con Sermos Galiza, Miguel Anxo Prado explícanos que nesta XVIII edición “Viñetas desde o Atlántico” non contará con ningunha temática central, mais si hai un feito salientábel que distingue este salón do cómic dos anteriores, unha presenza maioritaria feminina, con Chloé Cruchaudet, Mai Egurza, Ana Miralles, Ana Oncina e Raquel Córcoles. “Por vez primeira, haberá máis autoras protagonistas que autores”, indícanos o director do evento cultural, que fai fincapé no feito de que “non é nada premeditado nin anecdótico, pois non foron convidadas por ser mulleres, senón pola calidade e a acollida da súas obras”. De feito, salienta que as cinco autoras convidadas representan a “amplísima variedade de rexistros dos últimos vinte anos”. Neste sentido, Miguel Anxo Prado sinala que “a normalización no mundo do cómic era unha materia pendente”. “Até hai uns anos, o mundo co cómic era maioritariamente masculino e, aos poucos, sobre todo grazas ao manga –cunha produción infantil dirixida ás nenas- conseguiuse interesar as primeiras lectoras”, engade.

Cumpre nesta edición a maioría de idade, "unha metáfora qu eindica que tanto o salón como a banda deseñada chegaron a súa madurez", di Miguel Anxo Prado

“Viñetas desde o Atlántico” cumpre nesta edición a maioría de idade, “unha metáfora que indica que tanto o salón como a banda deseñada chegaron á súa madurez”, destaca o director. “O propio traballo que imos ver exemplifica a madurez do medio, agora pódese tratar calquera temática cun amplo abano de estéticas posíbeis, até o punto de facer da banda deseñada unha linguaxe universal como medio de expresión e comunicación”, afirma. Miguel Anxo Prado advirte de que a maioría de idade do cómic tamén posúe “o seu punto traumático, como o ten a maioría de idade dunha persoa”. Refírese a que cando un medio madura, “a oferta segméntase moitísimo e desaparecen as cifras enormes”. E é que “cando o público madura, perfila máis os seus gustos e faise excepcional atopar fenómenos de masas”.

Un ecosistema diverso

O ecosistema diverso que caracteriza a XVIII edición de “Viñetas desde o Atlántico” vén representado polas artistas participantes xa citadas e polos autores convidados Martín Romero, López Cruces, Keko e Alfonso Zapico. Martín Romero é o único dos nove autores e autoras protagonistas nado en Galiza. Trátase dun dos ilustradores máis interesantes da actualidade, cun estilo poderoso que o levou a trunfar no mercado francés. O seu último traballo publicado, Episodios lunares, unha obra hipnótica, recolle oito relatos gráficos relacionados coa lúa, coas lembranzas da infancia e coas lendas populares. Ademais dos autores protagonistas, visitarán o salón convidados e convidadas polas editoriais cando menos seis artistas: Enma Ríos, Miguel Montenegro, David Rubín, Sento Llobel, Javier Olivares e Kiko da Silva.

Onde visitar as mostras?

O Kiosko Alfonso acolle as exposicións de Keko, Ana Oncina, Martín Romero Alfonso Zapico e Chloé Cruchaude, así como todas as conferencias do festival e os encontros profesionais nos que os autores e autoras protagonistas impartirán as clases maxistrais. O Palexco acubilla as mostras de Mai Egurza, Joaquín López Cruces e Raquel Córcoles, máis coñecida polo seu nome artístico Moderna de Pueblo, e o Palacio Municipal de María Pita só acollerá unha exposición: a de Ana Miralles. Ademais, a sala municipal Salvador de Madariaga será a sede dunha exposición global sobre o cómic galego.

Toda a programación do Salón do cómic está dispoñíbel na web www.vinetasdesdeoatlantico.com.
 

Comentarios