XXI Viñetas desde o Atlántico

A Coruña, epicentro da banda deseñada

Spiderman, Mortadelo e Filemón, Astérix… os heroes e as heroínas recalan na Coruña. A cita da banda deseñada máis consolidada de Galiza regresa esta segunda feira coa XXI edición do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico. Durante unha semana, A Coruña acollerá creadoras e creadores destacados da Galiza e alén.

Cartel-Viñetas-2018-1200x1700
photo_camera Un detalle do cartaz deste ano

Ás 19 horas desta segunda feira dará comezo o XXI edición do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico, de maneira que A Coruña, como cada ano, será capital da banda deseñada grazas aos traballados de creadoras e creadores consolidados e novas e novos autores.

Segundo a organización, nesta XXI edición, que se prolongará até o 12 de agosto (as exposicións permanecerán abertas até o 9 de setembro), confirmarase a consolidación no panorama internacional dun grupo de creadoras e creadores que “transitaron polas primeiras edicións de Viñetas como autores noveis”. “É o caso de Emma Ríos ou David  Rubín, nomeados en reiteradas ocasións aos premios Eisner, e tamén de Homs ou  Munuera, hoxe indiscutibelmente consagrados”, explica Miguelanxo Prado, director do Salón. “A todos eles, que hoxe teñen un lugar específico no mercado internacional –xa sexa americano ou franco-belga–, vímolos medrar desde as súas primeiras historias até as máis recentes, cuxos orixinais se expoñerán nesta vixésimo primeira edición do Festival”, agrega.

Participantes

Entre as persoas convidadas nesta edición da iniciativa dirixida por Miguelanxo Prado atópanse os galegos Xosé Tomás –autor do libro Manual de Escola, editado pola AS-PG, e un dos autores habituais da revista Golfiño–; David Rubín; Tirso Cons e Emma Ríos. Tamén participan Ángel de la Calle –recentemente premiado no Salón do Cómic de Barcelona con Pinturas de Guerra–, Mamen Moreu, Belén Ortega, José Luis Munuera, Miguel Ángel Giner, Cristina Durán, José Ramón Sánchez –autor dos carteis electorais cos que o PSOE concorreu ás eleccións xerais de 1977– e Josep Homs.

Nesta edición exporanse os orixinais do último premio Castelao de Banda Deseñada que impulsa a Deputación da Coruña. Trátase de O corpo de Cristo, de Beatriz Lema. No transcurso de Viñetas tamén se dará a coñecer a persoa gañadora da edición deste ano.

Aliás, a sala Salvador de Madariaga acollerá a mostra Squeeze-Oh! Cómic contemporáneo galego, dedicada ao cómic independente e comisariada por Rubén Romero. A entrada ás exposicións e conferencias e o acceso á feira e ás súas actividades son totalmente de balde.

As actividades programadas ao redor do salón do cómic compleméntanse coa feira de libreiros e editores, onde tamén se realizan presentacións de novidades editoriais e actos lúdicos.

Comentarios