CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

A correspondencia

correspondencia1

La corrisponenza

(Italia 2016, 116 min.)

Dirección e guión: Giuseppe Tornatore

Fotografía: Fabio Zamarion

Música: Ennio Morricone

Elenco: Jeremy Irons, Olga Kurylenko, Simon Johns, James Warren, Shauna Macdonald, Oscar Sanders, Anne Christina Savva, Irina Karatcheva, Ian Cairns, Simon Meacock, Darren Whitfield, Fred-Jerry Kwarteng

SINOPSE

Un maduro profesor de astronomía mantén unha apaixonada relación cunha xoven universitaria. Un día desaparece de súpeto deixándoa nun mar de dúbidas.

CRÍTICA

Habitación de hotel. Dous amantes clandestinos profésanse as últimas palabras de amor até concertar o seguinte encontro. El está xubilado. Ela é unha moza universitaria. Presentación de personaxes concisa e modélica que nos trae de novo á palestra a un Giuseppe Tornatore (Cinema Paradiso, A grande oferta) con gana de contar un drama intimista centrado nunha parella de idades dispares para maior gloria interpretativa das dúas estrelas principais. Jeremy Irons (Ferida, Inseparábeis) encarna a Ed Phoerum, un maduro profesor de astrofísica que anda tolo polos ósos de Amy Ryan, unha fermosa estudante a tempo parcial interpretada por Olga Kurylenko (Oblivion, O mestre da auga). Un día el desaparece do mapa sen previo aviso. Amy non o pode crer mais, de súpeto, comeza a recibir puntualmente, e onde queira que se atope, unha serie de emails, notas e mensaxes de voz que conteñen unhas instrucións moi precisas. Con estes vimbios é imposíbel que non veña á mente o filme de 2007 Posdata: quérote (de Richard LaGravenese) mais Tornatore semella que trata de apostar polas novas tecnoloxías de modo instrumental para poñer o foco ao redor da perda pero tamén do baleiro que produce a insoportábel sensación de ausencia de correspondencia... e da ledicia que provoca recibila.

Presenta unha historia poética de tinguiduras metafísico-existencial tan particular e idealizada que acaba adoecendo de falta de empatía co respectábel

É moi habitual comparar cada traballo de Giuseppe Tornatore con aquel listón insuperábel que deixou con Cinema Paradiso (Óscar a Mellor Película Estranxeira) así que, a priori, non é nada raro asistir a calquera dos seus filmes coas expectativas polas nubes. A correspondencia ten un verdadeiro abismo entre as expectativas e a realidade. Conta cun inicio moi prometedor. A cousa engancha pola vía de que queremos saber qué pasa realmente co profesor e a onde se nos quere levar con esas románticas misivas mais a interese irá decrecendo paseniño a medida que vaiamos intuíndo que a cousa non leva máis aló da narrativa pausada dunha melindrosa historia de amor inmortal. Por suposto A correspondencia regala momentos de gran cinema no que a dirección, os actores, a fotografía (de novo con Fabio Zamarion) e a contida banda sonora do xenial Ennio Morricone, teñen unha calidade incuestionábel. Nada que obxectar no plano artístico, mais o malo é que presenta unha historia poética de tinguiduras metafísico-existencial tan particular e idealizada que acaba adoecendo de falta de empatía co respectábel. Iso si, moi recomendábel para quen guste de romances imposíbeis.

Comentarios