O Coro da Rá festexa os seus vinte anos en Compostela

En 1993 nacía en Compostela o Coro da Rá, a agrupación que canta a cappella e bota man do teatro e a performance nos seus “concertos comandos”. Co espectáculo “VINTE, o musical”, viaxa pola historia e homenaxea a todas as persoas que cantaron como rás. 

Coro da Rá
photo_camera Coro da Rá

Máis de medio cento de voces compoñen o “comando” do Coro da Rá, a agrupación residente da Escola Estudio de Santiago que consegue sorprender en cada unha das súas aparicións coa mestura das súas múltiples voces aderezadas con accións teatrais e performática.Nos vinte anos que levan cantando, máis de duascentas persoas pasaron pola agrupación e tamén a todas elas se lle dedica o espectáculo “VINTE, o musical”, co que o coro festexa en dúas funcións as súas dúas décadas de historia. 

Ramón Bermejo o director, e tamén fundador en 1993 dun coro que nunca tivo problemas para conseguir voces. Máis de 200  persoas pasaron pola súa composición que agora forman máis de medio cento de compoñentes, nunha pluralidade de orixes e formacións. Cantan a capella e actúan en calquera lugar e situación no que definiron como “concertos comando”. 

“VINTE, o musical” ten guión de Simone Negrín e aborda, por medio do humor o funcionamento e organización do coro, a súa historia e lembra a todos e todas os que participaron na agrupación. A música será, coma sempre, a grande protagonista do musical do que ofrecerán dúas únicas funcións, a da sexta 23 de maio ás 20.30 e a do sábado 24 ás 19.00 horas no Salón Teatro de Compostela. Xa están dispoñíbeis as entradas no Teatro Principal e estarán no Salón Teatro dúas horas antes de cada función. 

“Non nos importa a fama!” foi o espectáculo último no que o Coro da Rá interpretaba cancións do rock, pop, jazz ou bossa nova, poñendo voces a temas de Queen, Zappa ou Earth.

Comentarios