A suíza Corina Marti gravou un disco co instrumento do convento santiagués

Corina Marti: "Nunca tocara un órgano que me impactase tanto como o de Santa Clara, fiquei namorada"

O órgano do convento de Santa Clara, en Compostela, é o protagonista do disco que Corina Marti vén de gravar. Organista e experta en instrumentos antigos de tecla, a suíza quixo poñer en valor este instrumento de comezos do XVIII, que foi restaurado no 2004 e que é un dos máis antigos da Galiza. 
A organista suíza formou parte do festival 'De Lugares e Órganos' no ano 2019. (Foto: Dirk Letsch)
photo_camera A organista suíza formou parte do festival 'De Lugares e Órganos' no ano 2019. (Foto: Dirk Letsch)

Como nace a idea de gravar un disco no órgano do convento de Santa Clara?

Xa estiven tocando nun par de ocasións no festival De Lugares e Órganos. Logo, en abril do 2019 pedíronme que dera un concerto cunha cantante no órgano de Santa Clara. Creo que nunca tocara un órgano que me impactase tanto, realmente quedei namorada. Foi como amor a primeira vista e moi especial. Coñezo moitos órganos históricos, pero sempre me gustaron os españois e concretamente os galegos, que teñen unha sonoridade aínda máis especial. Tamén me sentín moi querida alí, as monxas do convento son moi amábeis e agradábeis. Pouco a pouco, fun dándolle forma á idea e falando con Belén Bermejo -directora artística do festival- sobre a posibilidade de gravar alí. Creo que este órgano merecía estar nun CD e nun selo que ten unha gran distribución a nivel mundial.

Que tipo de sons se poden atopar no álbum?

Tentei facer combinacións entre sons tradicionais da música española. Sei que se trata de Galiza, mais a música e os manuscritos abarcan todo o territorio do Estado. Tratei de facer combinacións entre finais do século XVI e comezos do XVII, o período no que este instrumento foi deseñado e rematado, coa idea de ir ao corazón do órgano e facer estas mesturas cos rexistros especiais cos que conta. 

Como foi a experiencia de gravar alí?  

Foi fantástica. O meu enxeñeiro de son é un gran amigo e desfrutamos moito de Santiago. No convento foron moi acolledoras connosco.

Ademais, tamén me acompañaron algunhas amigas coa súa voz ou coa arpa para algunhas pezas. Foi unha experiencia moi bonita e foi moi especial traballar con este órgano todos os días durante moitas horas, tamén para descubrir realmente a súa sonoridade característica.

A xente que levou a cabo a renovación do órgano fixo un traballo incríbel. Cando tocas este instrumento, dalgún xeito tócache a alma, e realmente tes que tomar o tempo necesario para entender as súas respostas. Ten un carácter moi especial.

'De Lugares e Órganos' é un ciclo que aposta pola valorización e difusión dos órganos en Galiza. Cre que hai iniciativas similares noutros lugares?

Non estou moi segura, pero penso que non. Creo que é un programa xenial. Estou tocando moito noutros países e non atopei unha iniciativa que profunde tanto. Quizais non as coñezo, entón tamén é difícil de dicir, mais creo que é único. Realmente é un proxecto interesante que fai fincapé en todos estes órganos e gárdaos para o mundo.

Coñecía esta tipoloxía de órganos con anterioridade?

Non. Eu ensino na Schola Cantorum Basiliensis e os meus estudantes están moi contentos co que estou facendo, porque ninguén entre nós sabía da existencia deste órgano. Sabemos moito doutros órganos no Estado español, pero sempre é diferente cando está nun convento. Xa se teñen feito outros proxectos, non son a primeira, pero creo que o CD ten unha distribución mundial. Estou seguro de que a xente apreciará este son tan especial e poderá ter acceso a el sen acudir a ese espazo. Sempre existe o perigo de que pasará cando xa non queden monxas. Non se sabe, pero pode que se peche o convento e que os órganos volvan á escuridade. Así que, sendo honesta, sentín un pouco esa presión á hora de facer a gravación. 

Que lle diría a alguén para animalo a tocar o órgano?

Cando estou co meu alumnado, nin sequera é necesario dicirlle nada. Moitos deles namoran deste tipo de sons e instrumentos e queren explorar máis. Cada vez hai máis interese na música do Renacemento e nos instrumentos de tecla.
 

Comentarios