O monumento recupera as súas policromías

As cores do Pórtico da Gloria

O Pórtico da Gloria brilla. Igual pero distinto, memorábel e abraiante, a xoia do románico aparece, após case dez anos de traballos, cun esplendor diferente. Inédito. As súas recuperadas policromías amosan a antiga fachada da Catedral de Santiago dunha maneira absolutamente nova. Como resucitada.
 

Pórtico da Gloria Policromía restaurada
photo_camera Imaxe do Pórtico da Gloria despois da restauración das súas policromías. Foto: Fundación Barrié.

En 2009, o Programa Catedral de Santiago —sufragado pola Fundación Barrié con máis de 11 millóns de euros e coordinado por Ana Laborde— iniciou os diagnósticos que conduciron á restauración do Pórtico. Seis anos despois, montouse o andamio e comezou “a intervención directa sobre os materiais”.

pórtico 2

Segundo indican desde a Barrié, a decisión de intervir sobre o emblemático lugar adoptouse debido ás “evidencias do seu dramático deterioro, acelerado nos últimos dez ou quince anos”. As probas manexadas, sobre todo material fotográfico, levaron o equipo de restauradores e restauradoras a considerar “urxentes” os traballos.

“Estabilizouse o conxunto e preservouse a policromía que aínda se conserva”, sinalan na fundación, “dun risco inminente de perda definitiva, conservándoa para futuras xeracións”. Policromías, sería máis axustado dicir.

As tres fases


Porque na representación de apóstolos e profetas, do Xuízo Final e outras escenas do Antigo Testamento, obra do Mestre Mateo —e outras tres mans, como mínimo, segundo os estudosos—, houbo polo menos tres fases diferentes de coloración. Todas en óleo.

A primeira man de pintura data do Medievo. É dicir, da época en que se construíu o Pórtico —entre 1168 e 1188. “Dela consérvanse bastantes vestixios”, informa a Fundación Barrié na nota de prensa en que anunciaron o remate das obras hai tres días, “como se pode aprezar no anxo que porta a columna ou nos que portan a cruz”. Cada unha das esculturas foi examinada no lugar mediante “microscopía estereoscópica”.

pórtico 3

Albaialde, lapislázuli, vermellón, pigmentos de terras, pigmento laca vermella, resina de cobre,  acetato de cobre, carbón negro vexetal e negro de ósos, “sempre amalgamado con aceite de liño”, eran os materiais cos que pintaron esa primeira policromía. Houbo que agardar ao Renacemento, cando se modificou por primeira vez a portada exterior da basílica, para a segunda intervención de cores. Foi no século XVI e supuxo a decoración de mantos e túnicas con brocados aplicados, técnica de orixe flamenca.

A terceira policromía foi no século XVII. É a que se atopa máis visíbel na actualidade, achegou “un carácter barroquizante” e entre os autores atopábase Crispín de Evelino. Este artista policromou rostros, mans e pés en 1651. Deixou constancia nun documento, depositado no arquivo da catedral e que constitúe “o único documento que se conserva sobre as policromías do Pórtico da Gloria”.

Desde aquela, houbo “policromados parciais” destinados a reparar “as zonas máis degradadas”.

A restauración que agora se presenta seguíu “criterios de intervención moi conservadores. Mantivéronse todos os restos de cor conservados e retiráronse unicamente os depósitos nocivos acumulados sobre a superficie e que poden afectar a estabilidade dos materiais históricos”.

Nota: detalles da restauración do Pórtico da Gloria. Fotos: Fundación Barrié.

Comentarios